Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 octubre, 2024
O TSX de Madrid desestima os argumentos da Xunta e resolve continuar coa humanización do Milladoiro priorizando a calidade de vida das persoas
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid vén de denegar as medidas cautelares solicitadas pola Xunta de Galicia
O informe técnico elaborado por Demarcación de Estradas do Estado en Galicia expón que “a redución dos accidentes e a mellora da calidade de vida superan calquera dano temporal que puidese xurdir na execución”
Ames, 31 de outubro de 2024.- A sección terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid vén de denegar a solicitude de medidas cautelares para a non execución da obra de humanización de Rosalía de Castro no Milladoiro. No seu razoamento a Sala ditamina que os danos invocados pola Xunta de Galica “non son irrefutables” e polo que se debe manter a idea e o fin perseguido polo proxecto de “mellora da estrada N-550 e da calidade de vida das persoas afectadas pola travesía”. Finaliza o razoamento expoñendo que a suspensión pretendida afectaría ao bo fin dos intereses antes expostos.
Este acordo da Sala chega despois de que a Avogacía do Estado, en representación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, e o Concello de Ames, desmontasen o principal argumento da Xunta de Galicia, baseado en que o incremento de tráfico derivado da N-550 cara a autovía AG-56 e o corredor VG-1.7 Pardiñas-As Galanas suporía “efectos negativos no medioambiente e na saúde humana”. O ente autonómico tamén fai referencia ao custo adicional de aproximadamente 1,6 millóns de euros que suporía para a Axencia Galega de Infraestruturas asumir o tráfico derivado da vía estatal.
O acordo da Sala é sustentado no informe técnico elaborado por Demarcación de Estradas do Estado en Galicia que expón detalladamente que “actividade derivada do proxecto de humanización non da lugar a considerables emisións de gases de efecto invernadoiro nin tampouco produce efectos adversos das condicións climáticas actuais ou das previstas no futuro sobre si mesma ou nas persoas, natureza ou activos”. Por outra banda tamén afirma que “a execución do proxecto está planificada e controlada para minimizar calquera impacto negativo, asegurando que os posibles danos sexan temporais e manexables”.
Finalmente o escrito reza que “beneficiará a comunidade local a curto prazo e longo prazo, ao levar á redución de accidentes e a mellora da calidade de vida, que superan calquera dano temporal que puidese xurdir na execución”.
A denegación desta medida cautelar supón a primeira vitoria xudicial para os gobernos estatal e local (codemandado) no recurso interposto pola Xunta de Galicia contra o anuncio de formalización do contrato 33-LC-7810;54.605/23. Humanización de la N-550 entre P.K 67 +075 Y 68+600 (Travesía de Milladoiro). Provincia de A Coruña. Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia. Next Generation EU.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)