AD

Actualidad

Ramón García, presidente da asociación ATHC: “O turismo non é unha condena, é unha oportunidade”

today24 junio, 2025

Fondo
share close
AD

A Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC) organiza os días 25 e 26 de xuño as súas primeiras xornadas baixo o título “Cando Compostela Gaña”, unha cita aberta ao público, de balde, na Hospedería de San Martiño Pinario que busca reflexionar sobre o turismo en Santiago con rigor técnico, pluralidade de voces e sen complexos ideolóxicos. O presidente da asociación, Ramón García, explicou os obxectivos destas xornadas nunha entrevista con Sara Garea en Radio Líder Santiago. “Queremos abrir un espazo de debate no que se fale de turismo con seriedade, desde diferentes perspectivas: técnicas, económicas, sociais e tamén veciñais”, sinalou. 

As sesións contarán coa participación de Lucrecia López,  directora do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC); Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia e presidente da Confederación ConsumES; Marisa del Río, profesora titular da USC e coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK e directora do Master en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC; ademais dunha mesa redonda na que participarán Xosé Antonio Liñares, voceiro de Unión Hotelera Compostela; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; e Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC, e que estará moderada polo presidente da ATHC. García puxo en valor que todas as intervencións teñen un enfoque técnico e libre de intereses políticos:  “Fálase moito de turismo, pero moitas veces sen rigor. Non queremos discursos feitos para quedar ben coa administración de turno.” 

O presidente da ATHC tamén defendeu unha visión máis realista e positiva do turismo en Compostela. “Vivimos nun tempo no que sobran discursos fatalistas. O turismo non é unha condena, é unha oportunidade”, afirmou. Segundo explicou, o sector contribúe a crear emprego, dinamizar a economía local e permitir que moitos composteláns poidan vivir mellor. “Hai que resolver problemas, si, pero non criminalizar ao turismo. Non todo o que falla é culpa do que ven de fóra” , destacou.

Durante a entrevista, tamén criticou a estigmatización do visitante e a crecente turismofobia, que está a provocar escenas incómodas mesmo entre residentes. “Vin a veciños insultar a outros veciños por parecer turistas. Un amigo meu de toda a vida, calvo e alto, foi increpado na rúa do Vilar só por ter aspecto de polaco.” 

Tamén advertiu contra discursos condescendentes como o de “turismo respectuoso coa veciñanza”: “Se xa lle estás pedindo ao turismo que sexa respectuoso, é que o estás sinalando previamente como un problema. Non o facemos con estudantes ou con quen se matricula en medicina, por exemplo.” 

A ATHC traballa por un modelo integrador, no que “se compatibilicen os intereses da veciñanza coa presenza turística, sen caer na caricatura de que os turistas son invasores”. 

En canto aos retos actuais, Ramón García destacou que o turismo xa non é unha realidade espontánea, senón un fenómeno que require xestión, investimento e planificación responsable.  “Xa non é como a auga que baixa polo río. Agora hai que conducir o fluxo, poñer centrais, xerar enerxía e garantir que non desborde.” 

A asociación, creada en xaneiro de 2025, convida a todos os profesionais e entidades interesadas a asistir ás xornadas «Cando Compostela gana». “Queremos que todos os sectores estean representados. O turismo é transversal”, apuntou. A inscrición ás xornadas non é obrigatoria, pero recomendan anotarse en athcompostela.com para facilitar a organización. 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *