Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Desenvolverase no Pazo da Peregrina o sábado, 25 de maio, de 11.00 a 21.00 horas e acollerá concertos, espectáculos interactivos, sesións de contos con música, obradoiros, xogos e espazos informativos e de recursos para enriquecer a crianza
Blas García, concelleiro de Normalización Lingüística e alcalde de Ames: «O que se busca con estas xornadas é que os rapaces e as rapazas falen galego coas familias e que non se esquezan de falalo nas vacacións de verán»
Rosa Moreiras, técnica do departamento de Normalización Lingüística: “Será unha xornada completa de actividades e recursos, pensada para público familiar, co obxectivo de achegarlles ferramentas, referentes e xogos para favorecer unha crianza positiva e creativa en galego”
Ames, 15 de maio de 2024.– O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, organiza a V Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 25 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá maxia, contos con música, xogos, concertos, teatro de monicreques, obradoiros e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. Premendo nesta ligazón pódese acceder á programación completa do evento.
O Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, e contribúe á socialización en galego das crianzas con recursos tanto virtuais como físicos. Apego ofrece información e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas, como para os e as profesionais.
No marco deste programa presentouse esta mañá no Pazo da Peregrina a V Festa do Apego, unha xornada festiva e ateigada de actividades variadas e participativas para un público infantil e familiar. Desenvolverase no Pazo da Peregrina o sábado, 25 de maio, de 11.00 a 21.00 horas e acollerá concertos, espectáculos interactivos, sesións de contos con música, obradoiros, xogos e espazos informativos e de recursos para enriquecer a crianza. Se as circunstancias meteorolóxicas impedisen a realización das ditas actividades en exterior, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián.
Acto de presentación
Á presentación do programa acudiron o concelleiro de Normalización Lingüística e alcalde de Ames, Blas García, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Raquel Barbeito.
O concelleiro e alcalde destacou que «o que se busca con estas xornadas é que os rapaces e as rapazas falen galego coas familias e que non se esquezan de falalo nas vacacións de verán». Así mesmo, explicou que «este programa é algo que se leva traballando dende fai anos por diversos alcaldes de distinta ideoloxía. A nosa lingua é o tesouro máis grande que temos e é o noso deber coidala».
Pola súa banda, a técnica do departamento, Rosa Moreiras, sinalou que será “unha xornada completa de actividades e recursos, pensada para público familiar, co obxectivo de achegarlles ferramentas, referentes e xogos para favorecer unha crianza positiva e creativa en galego”.
Programación
A festa comezará ás 11.00 horas con “Carapuchiña e os 5 lobiños”, de Ángeles Goás e Cristina Castro, un espectáculo no que a protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura diferente. Esta actividade está dirixida a crianzas de 0 a 3 anos. A combinación da narración de Ángeles Goás e a música de Cristina Castro, creará un ambiente no que os máis pequenos da casa estarán entretidos e gozarán coa familia e os máis grandes poderemos aprender xeitos novos de contar historias.
Ás 12.00 horas, será a hora do Mago Paco e o seu espectáculo de maxia participativa “Hocus Pocus”, cheo de xogos máxicos e sorpresas que deixará coa boca aberta a xente grande e miúda. O Mago Paco, Fran Otero, é especialista en maxia infantil e familiar e os seus espectáculos caracterízanse por unha mestura de maxia con varias artes escénicas. En todos eles prima a fantasía, o humor e a participación do público de xeito que, malia a estaren pensados para crianzas, fan gozar a toda a familia.
A xornada de mañá remata ás 13.00 horas co concerto de Golfiños, un grupo musical que trae ritmos e melodías moi diversas que beben de todos os estilos musicais. Traen á festa do Apego o seu último espectáculo, “Silforiña”, no que as cordas dunha guitarra e dun ukelele e as teclas dun piano se converten na alfombra máxica que transporta a voz de Elena Paz a un mundo de aventuras únicas, coas que bailar, cantar e brincar no mundo das emocións.
Títeres Babaluva abre a sesión da tarde, ás 17.00 horas, coa “Filla do Cacharulo”, unha peza teatral con música en directo dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Nesta proposta coñeceremos sardiñas, rodaballos, caranguexos, troitas e outros peixes que a través das mans e da voz de Mirari Urruzola e do piano de Merran Laginestra nos animan a camiñar cara a un mundo máis xusto, equitativo e sostible.
Ás 18.30 horas, chega Marta Ortiz co seu espectáculo “Tralará”, no que xunta contos, cantigas e obxectos. Con Ortiz aprenderemos cancións, contos rimados e trabalinguas, para xogar coa lingua; contos acumulativos e encadeados, para sentir o ritmo dos versos e das sílabas; cancións de mans e contos con lingua de signos, para afondar na xestualidade de forma divertida e participativa. En definitiva, contos de antes e de agora, cun pé para adiante e outro para atrás, bailando entre a tradición e a actualidade. Tralará xoga co ritmo que emana do propio contar e da lingua.
A V Festa do Apego pecharase ás 20.00 horas cun concerto para todas as idades a cargo do grupo de música infantil “Oviravai”. Nel os aissitentes cantarán e bailarán ao ritmo dos temas do seu último traballo Paio e o poder da música. Oviravai é unha compañía galega, dedicada ao desenvolvemento de contidos educativos e culturais para público infantil e familiar, que se define a si mesma como unha fábrica de soños. Soños que mediante personaxes como o Teixugo Paio, o Oso Aurelio, ou a Moucha Anacleta, entre outros, converten en realidade a través da música, os espectáculos e os libros..
Actividades permanentes abertas durante toda a xornada
Ao longo de todo o día haberá actividades que estarán abertas de xeito permanente, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina. A través delas achegarase asesoramento personalizado ás familias sobre recursos lúdicos e formativos que poden ser útiles durante a crianza. Estas actividades son tamén espazos nos que as nenas e os nenos terán ao seu dispor xogos de mesa, materiais naturais non estruturados para promover a creatividade e o xogo libre, unha ampla variedade de obras infantís para mergullarse na lectura compartida, un obradoiro de creación de personaxes con pasta de papel e outro obradoiro de tatuaxes e chapas con Apego para que todas e todos leven un agasallo da Festa do Apego.
Neses espazos estará Cris de Caldas cun espazo de recursos para facilitar a crianza en galego, Pedras de Papel cun obradoiro de pasta de papel, Brazolinda con xogos de mesa de moi diferentes temáticas e para todas as idade, e Miudiño co seu espazo de xogo libre “Terra”, creado con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar a creatividade
Así mesmo, a festa contará cun espazo Apego no que o persoal do Servizo de Normalización Lingüística achegará información sobre o programa e os recursos que pon ao dispor das familias interesadas.
Entrada libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa
A entrada para participar en todas as actividades da festa é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. Se o tempo impide a realización das actividades en exterior, estas trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns. Para obter máis información pódese escribir ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 377 215.
Written by: Líder Redacción
actividades ames bertamirans cultura festa do apego ocio radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)