AD

Actualidad

O XIV Millarock contará coas actuacións de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex

today26 junio, 2025

Fondo
share close
AD

Na súa décimo cuarta edición, apóstase por facer un Millarock máis inclusivo e contarase con mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva e, ademais, contarase cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida

O concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, destacou que “o ano pasado dimos un paso adiante con implicar aos máis pequenos dentro do mundo do rock e este ano apostamos por facer un Millarock máis inclusivo e apto para todos. Somos un concello inclusivo e gústanos ir avanzando nese ámbito. Nesta ocasión, no Millarock queremos achegar a música, a cultura e o rock á xente que habitualmente non poden asistir e desfrutar dos concertos”

Ames, 26 de xuño de 2025.- O Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo cuarta edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Esta cita musical celebrarase o vindeiro 1 de agosto na Travesía do Porto, onde actuarán os grupos Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex. Ademais, por segundo ano consecutivo, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. Como novidade, nesta edición búscase achegar o rock a todos os públicos e ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.

O Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da décimo cuarta edición do festival Millarock, que se celebrará nesta ocasión o venres 1 de agosto. Este ano continúase coa estela do ano pasado, na que se pretende achegar o rock aos máis mozos. Ademais, nesta edición apóstase por facer un Millarock máis inclusivo.

Por unha banda, haberá mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Ademais, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade.

No acto de presentación estiveron presentes o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; a técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde; o gaiteiro en Ruxe Ruxe, Xaco Barona; o director da Casa do Rock, Adrián Hernández; o baixista de Battosai, Carlos Freire; e os membros de Ulex, Xián Castro (voz principal e guitarra rítmica) e  Martiño Quintela (batería e voz principal).

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, subliñou que “o Millarock mantén a súa esencia de rock en galego, grupos con vinculación en Ames ou da contorna, con compoñentes femininas e tamén apoio a grupos emerxentes que van a compartir escenario con grupos consolidados e de longa traxectoria”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, destacou que “o ano pasado dimos un paso adiante con implicar aos máis pequenos dentro do mundo do rock e este ano apostamos por facer un Millarock máis inclusivo e apto para todos. Somos un concello inclusivo e gústanos ir avanzando nese ámbito. Nesta ocasión, no Millarock queremos achegar a música, a cultura e o rock á xente que habitualmente non poden asistir e desfrutar dos concertos”.

Programación Millarock 2025

O Milladoiro volverá acoller unha xornada que reunirá a bandas consolidadas e emerxentes do panorama musical galego. Desta volta, o festival contará coa presenza de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex.

Ademais dos espectáculos musicais, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” estará de novo, a partir das 19.00 horas no Anfiteatro, impartindo diferentes obradoiros dirixidos aos máis pequenos da casa. Contarase con varios sets de teclados, percusións ou guitarras para que a rapazada, xunto coas familias, poidan achegarse ao mundo do rock.

A música dará comezo a partir das 22.00 horas na Travesía do Porto coa proposta de Ulex, unha banda de mozos formada en Compostela no 2022 integrada por Xian Castro (voz principal e guitarra rítmica), Mónica Fuentes (baixo), Tomás Sánchez (guitarra solista e coros) e Martinho Quintela (batería e voz principal). A agrupación está a presentar o seu primeiro disco “Lonxe de ti”.

Pola súa banda, Battosai é unha banda de rock alternativo formada en Compostela no 2018 por Héctor (voz, guitarra), Roque (baixo) e Nolo (batería), mais moi vinculados a Ames. Inspirados no rock dos 90 e 2000, así como no punk ou o gringe, veñen de publicar no pasado 2024 o seu segundo traballo, ‘Lágrimas y Milagros’.

Ruxe Ruxe é unha das bandas referentes do ‘rock do país’, con case tres décadas sobre os escenarios. A pesar da súa longa traxectoria, o grupo está a vivir un momento moi doce, cunha evolución significativa no seu son e abríndose a novas influencias e estéticas. A comezos deste 2025 presentaron o seu novo disco, Xabral, producido de novo por Kaki Arkarazo nos estudios Gárate (Gipuzkoa), un traballo conceptual que están a presentar coa xira Pub Rock.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *