Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 septiembre, 2024
As persoas voluntarias interesadas en participar poden inscribirse ata mañá enviando un correo electrónico cos seus datos a info@montescola.org
Padrón, 4 de setembro de 2024.- O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) organizará este vindeiro sábado, día 7 de setembro, unha nova actividade de voluntariado ambiental para a eliminación dunha especie invasora como a acacia negra no monte Lapido, na parroquia padronesa de Carcacía.
Baixo a coordinación da Fundación Montescola, esta nova acción desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas e as persoas voluntarias interesadas en inscribirse poden facelo ata mañá enviando un correo electrónico cos seus datos á dirección info@montescola.org. Os responsables da actividade recomendan aos voluntarios/as que acudan provistos de machadas e luvas para poder descascar os talos das acacias e arrancar os novos rebrotes.
Ao igual que a actividade realizada hai dúas semanas no monte da Cruz do Avelán, en Dodro, esta iniciativa de eliminación dunha especie invasora como a acacia negra enmárcase no proxecto CAPRIF-CC, que pretende impulsar un novo modelo de xestión forestal multifuncional e sostible. Para iso, unha das liñas estratéxicas do proxecto consiste na creación e preservación de paisaxes biodiversos e resilientes aos incendios forestais e o cambio climático mediante accións como a eliminación de especies exóticas e/ou invasoras, o establecemento de áreas cortalumes ou a restauración e mantemento de hábitats de especial interese de conservación.
Esta actividade prográmase no monte Lapido porque Padrón é un dos concellos que, xunto con Dodro, Lousame, Porto do Son e Rianxo, conforma a área piloto denominada Barbanza-Sar-Baixo Ulla, que é unha das cinco zonas de actuación nas que se desenvolve o proxecto CAPRIF-CC en Galicia e Asturias. As outras catro son as zonas do Macizo Central (Laza e Montederramo), Ancares Courel (Cervantes e Folgoso do Courel), Negueira de Muñiz-Cangas del Narcea e Valdés, xa en Asturias.
CAPRIF-CC está financiado pola Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O proxecto CAPRIF-CC, que se desenvolverá ata decembro de 2025, está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos Next GenerationEu.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)