Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 mayo, 2024
O RC Deportivo comezou este luns as visitas aos seus principais patrocinadores institucionais e empresariais após lograr o ascenso a LaLiga Hypermotion. Así, a axenda do día inclúe recibimentos na Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e ABANCA, pendentes de pechar tamén un encontro esta semana con Estrella Galicia en canto a axenda permítao.
Máis aló dos principais patrocinadores, no referente ao Concello da Coruña nestes momentos queda suspendida calquera visita institucional á espera da solución de todas as solicitudes realizadas nos últimos tres anos. O club considera que a relación actual entre o RC Deportivo e o Concello non é a idónea para celebrar unha visita destas características. As razóns desta discrepancia as dará a coñecer o Club hoxe nun comunicado.
O Dépor lamenta que esta situación continúe a pesar das múltiples conversacións mantidas nas últimas temporadas e o intenso esforzo de diálogo para mellorar as relacións entre ambas as entidades realizado polo Club nos últimos meses, especialmente nun momento tan esperado por toda a afección deportivista.
Comunicado do Concello da Coruña
O Concello lamenta profundamente a decisión unilateral da propiedade do Dépor de impedir aos xogadores do Real Club Deportivo e ao corpo técnico, ser recibidos na casa de todos os coruñeses e coruñesas para celebrar o seu ascenso á 2ª división, tal e como se fixo coas xogadoras do Dépor feminino.
Máis aló da propiedade do club, o Dépor é de todos os coruñeses e coruñesas e merecen poder felicitar ao equipo na praza de María Pita como sempre se fixo nas grandes ocasións na historia do club.
O Dépor sabe que conta e que sempre contou con todo o apoio do Concello, mais o goberno local considera intolerable que se impida aos deportistas gozar do recibimento que merecen por intereses económicos que nada teñen que ver co deporte.
Dentro da negociación do convenio, a vontade do Concello segue a ser a cesión gratuíta do estadio municipal por 25 anos (como ata agora) para que o Dépor poida desenvolver a súa actividade deportiva e competir ao máximo nivel. Mais lamentablemente e por primeira vez, a empresa propietaria do club, Abanca, esixe ao Concello a entrega total e gratuíta dun ben público para a súa explotación económica e comercial en exclusiva máis alá do ámbito deportivo esquecendo que o estadio é de todos.
O Concello lamenta que a propiedade do club enturbe un momento de especial ledicia para a cidade polos seus intereses económicos que nada teñen que ver co deporte.
Rueda recibe aos xogadores, técnicos e directiva do Depor
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe aos xogadores e corpo técnico do equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña no Pazo de Raxoi tras o seu ascenso a segunda división.
O titular do Goberno galego trasladou os parabéns ao equipo, pero tamén “a toda a cidade da Coruña e toda Galicia”. “Tedes unha afección que sempre enche o estadio, que chama a atención dentro e fóra de España”, salientou.
Acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recoñeceu o traballo e esforzo que leva realizado o equipo para subir de categoría e animoulles a seguir no mesmo camiño para volver o antes posible á primeira división.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)