AD

Actualidad

Os veciños da zona vella fartos polo ruído nocturno e a xestión da carga e descarga

today11 noviembre, 2023

Background
share close
AD

A Asociación de Veciños da Cidade Histórica FONSECA celebrou hoxe unha rolda de prensa na súa sede do centro sociocultural Maruxa e Coralia, sito na praza Salvador Parga. O presidente, Roberto Almuíña; o vicepresidente, Xosé Baqueiro; e a vogal da entidade, María José Lorenzo, falaron no acto sobre cuestións relacionadas coa mobilidade na cidade histórica e outros temas de interese para a veciñanza como os fluxos e a taxa turística, a ocupación extensiva das terrazas ou a recollida de lixo.

As dificultades de mobilidade que actualmente se sofren na cidade histórica de Santiago son un feito “inaceptable” para a asociación veciñal. Roberto Almuíña puxo de manifesto que actualmente pódense apreciar estes atrancos en diferentes zonas, especialmente en Rodrigo de Padrón ou nas prazas do Toural, As Praterías e Cervantes por cuestións de carga e descarga de mercadorías e o tránsito de vehículos. En concreto, a praza de Rodrigo de Padrón, a Avenida de Figueroa e a rúa de San Clemente está colonizada polos vehículos de Correos e da Policía Nacional, as motos, as zonas de carga e descarga e as terrazas en crecemento, polo que a asociación urxe un plan de mobilidade e ordenamento para esta e outras áreas co obxecto de facilitar a vida dos seus veciños.

A asociación reivindica, ademais, que se lle facilite o acceso aos residentes, así como ofrecerlles espazos de estacionamento na zona sur da cidade histórica, xa que o aparcadoiro actual máis próximo é o de San Clemente, o máis caro de Compostela. “A cidade histórica conta actualmente con 3.000 residentes, pero nos últimos vinte anos está acumulando unha perda anual do 3 % da poboación” –argumenta o presidente–.

Almuíña explicou que para superar estes problemas o Concello de Santiago implementou o proxecto SMARTiAGO, cualificado pola administración local como “único e pioneiro en Europa”, que comprende cámaras intelixentes, redutores de velocidade con pesaxe e un centro de mobilidade intelixente que ía permitir predicir as rutas do tráfico de mercadorías e as dos vehículos de residentes ou de turistas, entre outras innovacións valoradas en máis 6 millóns euros. O presidente sinalou que, xa case transcorridos dous anos desde a finalización da instalación, “o centro de mobilidade intelixente non funciona porque o programa informático desta nova rede non é compatible co da rede semafórica e de cámaras que previamente tiña instalado o Concello”.

O presidente explica que esta e outras actuacións municipais son unha mostra da tendencia do Concello a facer plans, estudos e mesmo investimentos que non chegan a ningures ou que, sinxelamente, quedan esquecidos nalgunha dependencia municipal. Desde a asociación sinalan que é hora de esixir aos grupos políticos da corporación municipal o debido “rigor, dilixencia e seriedade na administración e o control dos caudais públicos e unha maior transparencia e rendición puntual de contas, porque este tipo de actuacións non se poden repetir cos nosos impostos”.

Creación da Federación Galega de Asociacións de Veciños contra o Ruído

A Asociación de Veciños da Cidade Histórica FONSECA tamén está traballando, xunto a outras organizacións veciñais, na constitución da Federación Galega de Asociacións de Veciños contra o Ruído. Nesta materia, a asociación xa pediu ao Concello de Santiago unha redución de dúas horas no horario nocturno de peche dos locais de hostalería da zona vella, pero aínda non recibiron resposta.

Outra cuestión que preocupa a asociación é a situación actual da recollida do lixo na cidade histórica. Aínda que xa se eliminou a compactadora de residuos da Travesa de Fonseca, Almuíña sinalou que aínda segue habendo lixo no lugar. Tamén subliñou que o proxecto de segregación do lixo da hostalería “non funciona”, e a partir das doce da noite continúan as bolsas de lixo, por exemplo, na rúa do Vilar.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%