Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS xunto cun total de 15 pacientes, presentou unha queixa colectiva ante a Valedora do Pobo, entidade que tutela a defensa dos dereitos individuais e colectivos dos cidadáns de Galicia, ante a vulneración reiterada de dereitos que están sufrindo os/as pacientes oncolóxicas ao non recibiren a atención prevista nos protocolos que se deberían seguir no tratamento das súas doenzas.
Na actualidade seguen suspendidas as consultas presenciais de probas diagnósticas de control, seguimento e avaliación. Isto supón, por parte da Xerencia da área sanitaria un incumprimento do código deontolóxico da profesión médica ao deixar de velar por que as prestacións se adapten ás necesidades asistenciais da poboación. Unha decisión de natureza administrativa ou xerencial que socava o dereito de atención personalizada pola carencia de recursos humanos, constitúe un acto contrario ao citado código, que expresamente obriga aos facultativos con responsabilidades directivas a eliminar calquera obstáculo que impida a relación directa, inmediata e en tempo adecuado médico-paciente.
A xerencia e o servizo de oncoloxía do CHUS están deixando de prestar o seguimento dos tratamentos ou procedementos terapéuticos incluídos na carteira básica de servizo especializados recoñecidos no RD 1030/2006 do 15 de setembro, vulnerando así o principio de prestación obrigatoria e non dispoñibilidade por parte das administracións competentes en materia sanitaria. As pautas de seguimento dos pacientes de cancro están recollidas nos protocolos de atención e no consenso científico que, por razóns derivadas da posible repetición da doenza durante o período de tratamento posterior á cirurxía, quimioterapia e radioterapia que precede á alta médica (período que abrangue moitos anos) unha vez superada esta, establecen que deben realizarse probas e consultas de control cada 3 ou 4 meses durante os 5 primeiros anos e anuais a partir do quinto. As persoas que padecen esta doenza están soportando demoras de entre 1 e 8 meses desde a data en que se deberon realizar as consultas e sofren a incerteza e a presión psicolóxica que representa unha demora na atención e na información ante un eventual rebrote dunha enfermidade que no ano 2022 provocou en Galiza o falecemento de 8225 persoas.
Ademais, ao non realizar as consultas presenciais, estase deixando de prestar información plena, veraz e comprensible sobre o resultado das probas diagnósticas, e, deste xeito, estase confiscando o dereito a información que a Lei de Saúde de Galicia recoñece a todas as persoas con motivo de calquera actuación no ámbito da súa saúde e que os protocolos de atención consideran que son imprescindibles para que os pacientes poidan manifestar síntomas, formular preguntas ou expresar dúbidas. Para poñer fin a esta situación, de xeito definitivo, e restablecer a aplicación dos dereitos recoñecidos e os procedementos e protocolos de atención, solicitamos o amparo da Valedora do Pobo de Galicia.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)