Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 noviembre, 2024
Intégrase nesta asociación que recoñece aquelas poboacións únicas grazas ao seu patrimonio, tradicións e paraxes naturais
A distinción impulsará o seu desenvolvemento turístico formando parte de diferentes proxectos conxuntos de promoción
Padrón. 22-11-2024.- Xa é oficial. Padrón convértese na primeira localidade da provincia da Coruña en integrarse na rede de Pobos Máxicos de España, organización que ten como obxectivo o desenvolvemento turístico de pobos únicos e vivos, que destacan polo seu patrimonio cultural e natural, polas seus costumes e tradicións e pola súa hospitalidade.
Padrón é unha das catorce poboacións que se incorporarán o vindeiro ano 2025 á rede de Pobos Máxicos de España. Este selo de calidade lucirá no municipio e poderán empregalo tamén asociacións sen ánimo de lucro, artesáns e produtores locais. Como integrante da rede de Pobos Máxicos, a capital do Sar participará nos proxectos conxuntos de dinamización turística que desenvolve a asociación. Entre eles atópanse as denominadas rutas máxicas que unen diferentes pobos máxicos ou un pasaporte destinado ás persoas visitantes.
Hai que destacar tamén o impulso promocional que Padrón experimentará a través da asociación. O noso municipio contará cun espazo propio na web dos Pobos Máxicos de España, páxina que conta con máis de dous millóns de visitas na actualidade, e estará presente nas actividades que se desenvolvan en feiras do sector como Fitur, en redes sociais e na revista Viajar, a publicación de viaxes e turismo máis importante de España.
Ademais, o acceso a plataformas como Trivago ou Smartbox axudará a posicionarse a establecementos de aloxamento, restauración e lecer.
Padrón é a única localidade galega que entrará en 2025 nos Pobos Máxicos de España. Será a primeira da provincia da Coruña, uníndose ao Vicedo e Portomarín, en Lugo; A Pobra de Trives, Larouco e Ribadavia, en Ourense; e Cambados e Combarro en Pontevedra.
A rede de Pobos Máxicos de España, iniciativa impulsada polo Instituto de Desenvolvemento Local e Estudos Sociais IDL, busca dar a coñecer e contribuír ao desenvolvemento turístico dos pobos que integra poñendo de relevo os recursos locais e a súa singularidade. Para que un pobo poida formar parte da asociación debe superar un proceso de selección no que se analizan aspectos como calidade de vida, urbanismo, patrimonio, festas e tradicións, gastronomía e produtos locais, paisaxes ou natureza.
“O noso obxectivo é converter Padrón nunha localidade turística de referencia, que destaque polos seus servizos de calidade e que atraia e satisfaga a distintos perfís de visitantes”, sinala a concelleira de Turismo, Chus Campos. Salienta que a integración de Padrón na rede de Pobos Máxicos de España “permítennos achegarnos a un público principalmente familiar que permanece varios días no mesmo lugar, aumentando o gasto na poboación” e que se trata dun turismo que pode convivir perfectamente cos milleiros de peregrinos que está a recibir a capital do Sar grazas ao auxe do Camiño Portugués e iniciativas como a Pedronía.
As accións de promoción van da man cun traballo de mellora de infraestruturas e de servizos, que beneficia tamén á veciñanza. Algúns exemplos son o embelecemento do centro histórico ou a mellora da contorna da desembocadura do Sar.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)