Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 mayo, 2024
Padrón.23-05-2024.- O Concello de Padrón organiza o Campus Deportivo de Verán 2024, dirixido a rapazas e rapaces de entre 6 e 15 anos, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. A actividade desenvolverase do 24 de xuño ao 30 de xullo, de luns a venres, con dúas quendas dispoñibles: a primeira quenda será do 24 de xuño ao 10 de xullo, mentres que a segunda terá lugar do 11 ao 30 de xullo.
O campus deportivo está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2018, ambos os dous incluídos. Hai un total de 120 prazas dispoñibles, con 60 prazas por quenda. A matrícula ten un custo de 30€ por quenda e participante, cunha tarifa reducida de 25€ para o segundo irmán e de 20€ para o terceiro irmán e posteriores.
Entre as actividades programadas destacan o multideporte (baloncesto, fútbol sala, tenis…), xogos populares, subidas ao Monte Santiaguiño con actividades na natureza e xogos de orientación, marchas en bicicleta (co uso de casco obrigatorio), actividades acuáticas na piscina municipal da Escravitude, e diversas actividades en Galipark, como tirolinas, laser-tag e rocódromo. Tamén está prevista unha excursión ao Aquapark de Cerceda en cada quenda.
As inscricións deberán realizarse no rexistro do Concello de Padrón do 3 ao 9 de xuño para os solicitantes empadroados no municipio, e do 10 ao 14 de xuño para o público en xeral. O listado de admitidos publicarase o día 18 de xuño no taboleiro de anuncios do Concello de Padrón e na web www.padron.gal.
Para formalizar a inscrición, os pais, nais ou titores deberán entregar a ficha de inscrición cuberta e asinada, unha fotocopia do DNI e do libro de familia no caso de solicitar matrícula reducida para irmáns. Unha vez admitidos, será necesario realizar o pago na conta de ABANCA ES13 2080 5493 1631 1010 0019 e entregar o xustificante de pago na oficina de deportes do Centro Social antes do inicio do campus.
As actividades do campus partirán do Pavillón Grupo Escolar, agás os martes e xoves, cando os participantes se desprazarán ao Galipark e á piscina da Escravitude, respectivamente, onde serán recollidos. O transporte ao Aquapark de Cerceda, que tamén está incluído, terá como punto de encontro o Campo do Souto.
O calendario de actividades, as bases de participación e a ficha para inscribirse poden descargarse na páxina web municipal, nesta ligazón.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)