AD

Actualidad

Pontón: «Os premios deportivos financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres»

today12 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Avanza que un Goberno presidido polo BNG creará unha Lei de Igualdade no deporte cunha partida orzamentaria para combater a fenda de xénero

 

A proposta de lei inclúe a promoción de Plans de conciliación para que as mulleres non teñan que abandonar a súa carreira deportiva para ser nais

 

Compartiu coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén un encontro para coñecer de primeira man as inquedanzas das mulleres deportistas 

Santiago de Compostela, 11 xaneiro 2023.- A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu un encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, multicampioas de España e de Galiza, para falar sobre a igualdade no deporte e explicar as propostas de goberno do BNG neste ámbito.

Pontón indicou que a igualdade, tamén no deporte, será unha das súas máximas prioridades no goberno que aspira a presidir a partir do 18F e, concretamente no ámbito deportivo, avanzou o desenvolvemento dunha Lei de igualdade con medidas moi concretas, como combater a fenda de xénero no deporte, cunha partida orzamentaria específica para este fin, ou que os premios ou galardóns financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres, coa mesma contía económica e a mesma divulgación.

A líder nacionalista explicou que esta lei tamén contempla outras medidas, como a promoción de Plans de conciliación “para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai” ou o impulso dunha representación  equilibrada entre homes e mulleres en todos os órganos de dirección deportivos, tanto na Administración como nas federacións, incluíndo a creación dunha comisión de igualdade no deporte que conte cun mínimo dun 50% de representación de mulleres,

Neste sentido, tamén avanzou a creación dun Observatorio de Deporte e Mulleres que permita coñecer o que acontece neste ámbito de actuación e, deste xeito, poder determinar medidas eficaces dende a Administración.

O proxecto de lei do Bloque incorpora tamén a necesidade de garantir a igualdade salarial entre mulleres e homes por facer o mesmo traballo en todas as federacións e entidades deportivas galegas ou que os medios públicos informen e difundan eventos deportivos mantendo un equilibrio entre as competicións masculinas e femininas.

Outra cuestión que Pontón considerou precisa é combater a violencia de xénero tamén no ámbito deportivo, polo que avanzou que esta Lei de igualdade incluirá tamén medidas específicas nesta dirección, como a posta en marcha dun espazo accesible e seguro para denunciar calquera comportamento machista ou quitar dos recintos deportivos, co aval da xustiza, a aquelas persoas que mostren comportamentos machistas durante a práctica deportiva mentres duren as sancións impostas.

Pontón agradeceu a acollida á directiva do Burela-Pescados Rubén, nomeadamente ao seu presidente, Manuel Blanco, salientando a súa implicación no mecenado deportivo e o seu compromiso coa igualdade, e especialmente ás xogadoras, coas que compartiu un encontro-conversa que cualificou de “luxo” e que lle permitiu coñecer de primeira man as inquedanzas das mulleres deportistas.

Logo de desvelar que ela mesma tivera a oportunidade de xogar hai 30 anos en Sarria nun dos primeiros de fútbol sala feminino, mostrou a súa alegría e satisfacción como “dende hai 30 anos aquí as mulleres foron rompendo moitas barreiras”, aínda que tamén recoñeceu que aínda hai “moitas barreiras que romper”. Por iso, concluíu, “imos poñernos a traballar pola igualdade porque como dicía Megan Rapione, a igualdade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas as persoas”. 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%