Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Entrevista a Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro participaba este luns en Radio Líder Santiago para salientar algunhas das moitas actividades que se levan a cabo este mes de febreiro en Santiago, Padrón e outros moitos concellos, con motivo do 187º aniversario do nacemento da escritora, figura central das nosas letras.
Podes escoitar a entrevista completa no seguinte enlace:
Os actos oficiais terán lugar na mañá do venres 23 de febreiro en Santiago: na praza de Vigo e no Hostal dos Reis Católicos, con música do alumnado da Escola Municipal de Santiago, dos Carapaus e de Faia. A Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Santiago fan un chamamento á veciñanza compostelá e a toda a sociedade galega a celebrar o Día de Rosalía lendo a súa obra, comendo un Caldo de Gloria e participando na Alborada para Rosalía. 30 locais hostaleiros da cidade ofrecerán Caldo de Gloria grazas á colaboración da Asociación de Hostelería de Compostela e Hostalaría.gal.
Un ano máis achégase o Día de Rosalía e Santiago de Compostela será o epicentro, xunto con Padrón, das celebracións que teñen lugar por todo o país. Alí naceu, preto da praza de Vigo, daquela concello de Conxo, un 23 de febreiro de 1837, e 187 anos máis tarde a Fundación Rosalía convida a celebrar o Día de Rosalía lendo textos da autora, facendo un Caldo de Gloria e uníndose á Alborada para Rosalía.
En Compostela convócanse os actos centrais do Día, en colaboración co Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a asociación Raigame e a Asociación de Hostelería Compostela e Hostalaría.gal. O principal será no Hostal dos Reis Católicos, onde a autora foi bautizada ao día seguinte de nacer. Alí haberá lectura de poemas rosalianos por parte de representantes institucionais e a actuación de Os Carapaus, a cantante Faia e alumnado da Escola de Música de Santiago (Estela Pereira e Lucas Lugo).
Antes, ás 11, haberá Alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, alén de recitado de poemas por parte de nenos e nenas dos colexios Quiroga Palacios e Cluny.
Ao Caldo de Gloria xa se sumaron moitos colexios e locais hostaleiros de todo o país, e repartiranse ata 80.000 manteis da iniciativa, espallados por vilas e cidades galegas. Este ano ademais participarán varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alicante e Valencia.
En Santiago ofrecerán Caldo 13 colexios da cidade e 30 locais hostaleiros, grazas á colaboración da Asociación de Hostelería de Compostela e Hostalaría.gal.
A iniciativa do Caldo de Gloria ten a súa orixe no poema «Miña casiña, meu lar» na que a poeta explica como facer un caldo humilde a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.
Alborada de Rosalía
Este ano volvemos celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013 e nos catro últimos anos.
A «Alborada de Rosalía» é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que facemos desde aquí un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada e saudar así con alegría e esperanza o día do nacemento da nosa escritora.
Written by: Líder Redacción
cultura fundacion homenaxe radio lider santiago rosalia rosalia de catro
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)