Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 octubre, 2024
09/10/2024 A asociación Bearded Villains Spain celebrará o sábado no Monte do Gozo o evento MultiChapterMeet 2024, un encontro no que a entidade sen ánimo de lucro recadará fondos para a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas. O programa conta coa colaboración da concellaría de Xuventude.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentou hoxe o evento, nunha rolda de prensa na que participaron o presidente da Asociación Bearded Villains Spain, Jonathan Mohedano; o responsable social da asociación, Héctor López, e a directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, Carmen López. A tenenta de alcaldesa explicou que «desde o meu departamento non podiamos deixar de sumarnos a unha acción social coma esta, e máis tendo en conta cal é a entidade beneficiaria». Neste sentido, María Rozas agradeceu o traballo que desenvolve FEGEREC, «no apoio ás máis de 200.000 persoas con enfermidades raras que viven en Galicia e que probablemenbte serán moitas máis, tendo en conta que os diagnósticos poden tardar anos en chegar».
Tamén puxo en valor o labor social da asociación Bearded Villains. Nesa liña pronunciouse a directora de FEGEREC, que recoñeceu que «inicialmente a proposta de Bearded Villains Spain resultounos extraña, pero finalmente a asociación foi un descubrimento». Carmen López agradeceu a axuda, e recoñeceu que para a entidade «o sábado vai ser un día moi especial, porque será un día de desfrute e visibilidade para moitas persoas, e sobre todo moitos nenos e nenas».
Pola parte de Bearded Villains Spain, o seu presidente, Jonathan Mohedano, explicou que o seu obxectivo é mostrar que «calquera persoa pode axudar aos demais, por pequena que sexa e con independencia do seu aspecto».
Programa de actividades
Héctor López explicou que o MultiChapterMeet 2024 da Asociación Bearded Villains Spain reunirá aos membros desta entidade, pero tamén ás asociacións homólogas en Portugal e Francia. Ademais, está confirmada a asistencia de persoas chegadas de países como Alemania, Canadá, Ecuador, Reino Unido ou Irlanda.
O evento arrancará ás 11 da mañá, con xogos tradicionais en colaboración coa Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional. Posteriormente, haberá unha sesión vermú con Helena Egea e Marcelo Lusardi, e tras o tempo reservado para o xantar, continuarán actividades pola tarde como o Concurso de Barbas, ou os concertos, coa participación de Paula Ferraz, Catuxa Salom, e Kalte Sonne (algúns deles vinculados ao Centro Xove da Almáciga). O evento finalizará cunha sesión de dumb con Píntega Sistema de Son e Dojosound. Ademais, ao longo de toda a xornada, no recinto traballarán barbeiros e tatuadores.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)