Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 abril, 2025
A sesión plenaria extraordinaria desta mañá deu luz verde de xeito definitivo ao Orzamento xeral do Concello e ao Cadro de Persoal para o exercicio 2025. O proxecto xa fora aprobado de xeito inicial no pleno do 27 de febreiro e posteriormente sometido a un período de exposición ao público durante o que recibiu unha única alegación formulada pola Asociación Volta do Castro – O Rial que non foi finalmente admitida.
O Pleno da corporación municipal deu luz verde de xeito definitiva cos votos a favor de dos grupos do BNG, CA e Grupo Municipal Socialista ao proxecto de orzamentos para 2025, que globalmente superan os 146 millóns de euros. Con esta aprobación, o Pleno tamén concordou a inadmisión da única alegación formulada pola Asociación Volta do Castro – O Rial que demandaba actuación para o seu barrio.
Ao respecto da alegación presentada, o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, detallou que a Oficina de Xestión Orzamentaria e Contabilidade emitiu un informe no que conclúe que “non concorre a necesaria condición habilitante para atender o alegado”, xa que este non cumpre ningún dos supostos recollidos pola lei. Unha inadmisión tamén confirmada por un informe conxunto da Intervención xeral e da Secretaría municipais, polo que ambos documentos son «concluíntes».
“Independentemente de que as demandas que reflicte a alegación sexan de interese ou que sexa perfectamente lexítimo que unha entidade veciñal reclame actuacións para o seu barrio, estas aspiracións non se atopan dentro dos supostos de alegación que a Lei de facendas locais sinala como admisibles no trámite de aprobación do orzamento”, detallou o edil.
Manuel César defendeu que o “proxecto orzamentario se ten que aprobar equilibrado” e recoñeceu que “este equilibrio nunca logra satisfacer todas propostas de mellora que as entidades presentan, e moito menos nun contexto de alza dos prezos, de contención impositiva e dunha profunda e sostida no tempo precariedade de atención a moitas necesidades do amplo territorio deste concello” e amosou a súa vontade de solucionar estas demandas veciñais “na medida do posible”.
O edil reiterou o compromiso do Goberno municipal coa veciñanza da Volta do Castro e do Rial de Conxo e recordou algunas das actuacións xa levadas a cabo e as que van ser executadas nos próximos meses: reposición da iluminación na vía do tren, melloras de accesibilidade con eliminación de barreiras arquitectónicas e colocación de podotáctiles, pintado de novos pasos de peóns, arranxo da varanda das escaleiras do paso inferior da vía, arranxos das beirarrúas deterioradas, execución e axardinamento da rotonda, colocación de redutores de velocidade, regulado e pintado do aparcamento en Poza Real e Rial de Conxo ou reposición do asfalto e muro contención na rúa da Decoita. “Neste momento está tamén adxudicada a redacción do proxecto para a recollida de pluviais e o asfaltado da rúa do Rial de Conxo e a ampliación da soleira da illa de colectores da rúa dos Churruchaos”, engadiu.
Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu o voto socialista e reiterou o compromiso do Goberno coa veciñanza da Volta do Castro – O Rial: «estamos atendendo e continuaremos a atender as súas demandas con diferentes actuacións, algunhas que xa se realizaron e outras que se van executar». A rexedora tamén salientou que o orzamento aprobado é «bo, necesario e incide en melloras nas obras e servizos públicos e sociais, en políticas de vivenda, educativas, culturais, deportivas» dando «resposta ás necesidades da veciñanza en tempos que non son fáciles». T
Orzamentos 2025
Os orzamentos superan os 146 millóns de euros, cun gasto corrente que alcanza os 130 millóns e uns fondos para investimentos reais de en torno aos 12,5 millóns, que se complementan cos suplementos de crédito, polo que os investimentos reais alcanzarán os 13,8 millóns este 2025
O capítulo I supera os 41 millóns de euros. Este orzamento, ademais, inclúe unha demanda sindical antiga de que as prazas de bombeiro condutor se repoñan co nivel C1 e non C2, como se viña facendo até agora.
Os gastos de funcionamento sufriron, nestes últimos anos, un importante aumento da inflación, absorbendo unha boa parte dos recursos dispoñibles, polo que o capítulo II (66,8 millóns de euros) dedicado á prestación dos servizos municipas aumenta máis de 14%, sobre todo nos grandes contratos.
Os orzamentos fan fincapé no eixo social (SAF, bolsas de comedor ou axudas para libros ou actividades extraescolares); na vivenda, cun investimento de 4,2 millóns de euros previstos nos orzamentos e cunha partida para a rehabilitación de cinco vivendas na rúa Caramoniña; no mantemento do espazo público, e nas infraestruturas e compromiso co rural e os equipamentos directamente vinculados ao benestar, atención ás persoas ou seguranza (1.377.000 euros para obras do Estadio Verónica Boquete; a cociña central do novo modelo de comedores escolares —1.000.000 de euros—; e a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores —432.000 para a primeira anualidade dunha obra que alcanzará o millón e medio de euros—). Igualmente, o proxecto orzamenario inclúe unha partida (75.000 euros) para a realización do proxecto da nova instalación para a cidadanía recuperando a estrutura do que ía ser o Parque de Bombeiros en Salgueiriños.
Finalmente, o proxecto tamén prioriza a sustentabilidade ambiental, apostando pola compostaxe da materia orgánica e renaturalización de espazos e tratamento adecuado do ciclo da auga con partidas como os 100.000 para o acondicionamento do antigo vertedoiro de Piñor e outros 100.000 para un proxecto que se presentará ás axudas autonómicas para o tratamento da fracción orgánica, xunto cun plan de fugas nas redes de auga (200.000 euros) e a reparación dunha tubaxe de captación do Tambre (250.000 euros).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)