AD

Actualidad

Santiago celebrará o Día das Letras Galegas cun concerto de cinco corais locais

today9 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago súmase á celebración do Día das Letras Galegas, que neste 2025 recoñece as cantareiras e pandeireteiras autoras de música tradicional de transmisión oral, e farao cun concerto o venres 16 de maio no Teatro Principal. A cita, con entrada libre ata completar aforo, será ás 20.00 h.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro,  sinalou que se unen  ao recoñecemento ás cantareiras e pandeireteiras «que representan as mulleres que ao longo dos séculos mantiveron a tradición ata facela chegar á actualidade e que mellor que facelo coa música de cinco corais de Compostela: a coral Ponte Mantible, o coro Asubío, a coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro Crecente de Voces Graves e a coral Solfa”.

A coral Ponte Mantible nace en setembro de 2002 coa intención de fomentar a música popular no barrio da Guadalupe e a súa contorna. O repertorio desta coral componse preferentemente de cancións populares galegas, habaneras, algunha peza dos músicos de palacio dos séculos XV, XVI e tamén música relixiosa. Na actualidade componse de 28 membros de idades comprendidas entre os 50 e 75 anos.

coro Asubío fundouse en 2011 baixo a batuta de Rubén Pego para reunir voces que levaban tempo cantando xuntas noutras agrupacións musicais e, paseniño, foi engadindo novos membros até acadar os 22 compoñentes na actualidade. O repertorio que interpreta a coral é moi diverso, desde polifonía renacentista e clásica até pezas actuais e populares galegas. As súas actividades desenvólvense no territorio galego, en distintos certames de corais e actuacións na vía pública. Tamén colabora con asociacións sen ánimo de lucro mediante actuacións solidarias en hospitais, centros de maioers e festivais benéficos. Desde o ano 2015 colabora no marco de actividades ofrecidas polo Ateneo de Santiago de Compostela.

Coral Amigos do Castiñeiriño fundouse dentro da Asociación Amigos do Castiñeiriño no ano 2005. Actualmente conta con 25 voces mixtas. Nestes vinte anos, a coral Amigos do Castiñeiriño participou en moitos eventos, sendo os máis recentes o Certame de corais do Castiñeiriño, Banquete de Conxo, Cantos Corais da Ascensión, Panxoliñas de Nadal no Teatro Principal e Concerto de Corais de primavera no centro sociocultural de Aríns.

Coro Crecente de Voces Graves. A Asociación Musical e Cultural Crecente comezou a súa andaina no barrio de Conxo en abril de 2019 por iniciativa de varios coristas partícipes na montaxe da ópera La Traviata. O coro está formado actualmente por 26 voces graves, organizadas en catro cordas. Desde o seu inicio Crecente mantén unha intensa actividade participando en numerosos certames e ofrece concertos centrados na posta en valor do repertorio musical galego. O seu repertorio abarca unha ampla variedade de xéneros, incluíndo a emotividade da música sacra, a alegría das panxoliñas galegas e o encanto nostálxico das habaneras, ademais da rica tradición da música popular galega.

Coral Solfa. A Asociación Cultural-Musical Solfa fundouse no barrio das Fontiñas en 1997. Centrou o seu traballo na formación musical da mocidade e no goce coa música, sempre co propósito de contribuír a reforzar e revalorizar a nosa cultura e a normalizar o noso idioma. O froito do traballo destes anos deu vida á Coral Solfa. Con máis de 100 pezas, o repertorio da coral bebe da música tradicional galega e portuguesa e de textos de escritoras/es galegos e da lusofonía: Rosalía, Pondal, Curros Enríquez, Francisco Añón, Cabanillas, Manuel María, Fiz Vergara, Fernando Lopes Graça… No ano 2023 gravou un CD contribuíndo, así, a difundir e enriquecer a música galega.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *