Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
15/05/2024 A concelleira de Rural, Pilar Lueiro, deu conta hoxe en rolda de prensa da nova dotación de equipos de uso público para as aulas informáticas dos centros socioculturais da zona rural. En total, o Concello reforzará este servizo dirixido ás persoas usuarias dos centros con 46 ordenadores de sobremesa e monitores ao abeiro dun investimento do POS+ da Deputación da Coruña.
Pilar Lueiro explicou que con este reforzo de equipamentos nas parroquias do rural búscase «reducir a fenda dixital e facilitar a aprendizaxe e utilización de internet, para o uso do correo electrónico, redes sociais, programas didácticos e ferramentas diversas vinculadas ás tecnoloxías de información e da comunicación».
A concelleira detallou que os novos equipamentos estarán distribuídos da seguinte maneira: 5 para o CSC da Enfesta, 5 para o CSC de Figueiras, 8 para o CSC de Laraño, 8 para o CSC da Lavacolla, 4 para o CSC de Marantes, 8 para o CSC de Marrozos e 8 para o CSC de Villestro. Ademais, anunciou que o Concello complementará as sesións de formación organizadas polos propios centros, coa presenza de técnicos de informática que prestará apoio ás persoas usuarias se fose necesario.
Segundo afirmou a edila, grazas a este reforzo as parroquias poderán «contar con recursos que facilitan unha mellor infraestrutura para conectarse á rede de internet, cun acceso máis amplo a dispositivos tecnolóxicos», o que permitará mellorar as «oportunidades económicas, educativas e sociais, para reducir as desigualdades entre a zona urbana e o rural».
«Con esta actuación tamén queremos contribuír desde a Concellaría de Medio Rural a minimizar a fenda dixital motivada por cuestións de xénero e de idade, ao facilitar o acceso a estes equipamentos para persoas de todas as idades, que se complementan con actividades de formación para que adquiran competencias e coñecementos para a utilización de novas tecnoloxías e poidan utilizalos aproveitando o seu potencial comunicativo», engadiu Pilar Lueiro.
Escrito por Líder Redacción
centros socioculturais compostela noticias ordenadores radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)