Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
As rúas de Santiago de Compostela volveron encherse este domingo de milleiros de persoas chegadas de toda Galicia para dicir alto e claro que Altri non ten cabida na nosa terra. A manifestación, convocada polas Plataformas en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva, partiu ás 12.00 horas da Alameda e converteuse nunha nova demostración de forza social contra a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei.
Baixo lemas como “Desde a Ulloa ata o mar, defendemos o noso futuro” ou “Altri non, fóra xa”, a mobilización evidenciou un amplo rexeitamento cidadán a un proxecto que moitos consideran unha ameaza ambiental, social e económica para Galicia. Unha protesta marcada polo compromiso colectivo e pola mensaxe clara de que, cando o pobo se organiza, faise escoitar.
Á marcha sumáronse representantes do PSdeG e do BNG, que confirmaran previamente a súa presenza. Desde o Partido Socialista, a secretaria de Organización, Lara Méndez, fixo un chamamento á militancia para participar no que definiu como “un exercicio de dignidade colectiva fronte a un modelo industrial que non responde ás necesidades do país”. Méndez asegurou que o PSdeG “estará ao lado da cidadanía e do territorio”, defendendo un desenvolvemento industrial baseado no respecto á saúde pública, á auga, aos montes e á biodiversidade, así como na creación de emprego digno.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a converter a protesta nunha auténtica “marcha de dignidade” para dicir “alto e claro: Altri non, Galiza si”. A líder nacionalista acusou á Xunta de Galicia de actuar “como comercial da multinacional” e de pretender impoñer “unha bomba ambiental no corazón do rural galego”, hipotecando o futuro da comarca da Ulloa, da ría de Arousa e do conxunto do país.
Ambas formacións coinciden no rexeitamento ao modelo de megaproxectos industriais promovido polo Goberno galego e defenden unha industrialización sostible, compatible coa protección ambiental e co desenvolvemento económico do territorio. PSdeG e BNG subliñan que Galicia precisa industria moderna e innovadora, pero non a costa de poñer en risco os recursos naturais nin o emprego ligado ao mar e ao medio rural.
No ámbito institucional, o Grupo Socialista anunciou que levará ao próximo pleno do Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar ao Goberno de Alfonso Rueda a denegar de forma inmediata a autorización da planta de Altri en Palas de Rei. Pola súa banda, o BNG insiste en que a decisión de apoiar o proxecto é política e non técnica, e reclama a súa paralización definitiva.
A manifestación deste domingo consolídase así como unha nova e contundente mostra da crecente contestación social ao proxecto de Altri, incrementando a presión sobre a Xunta para que escoite á cidadanía e rexeite de maneira definitiva a instalación da macrocelulosa en Galicia.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)