AD

Destacado

Situación límite en Marrozos: cinco anos de vacas soltas, ameazas e accidentes sen resposta das administracións

today12 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Daniel Novio, veciño da aldea de Corexo, na parroquia compostelá de Marrozos, denunciou en Radio Líder Santiago unha situación que cualifica de “insostible” e que os residentes levan xa cinco anos soportando sen obter resposta por parte das administracións. O conflito, explica, xorde pola falta de control do gando dun gandeiro da zona, que posúe “dúas hectáreas e entre 25 e 28 vacas”, animais que, segundo Novio, “invaden todas as fincas arredor, un quilómetro á esquerda e un quilómetro á dereita”.

O problema, di, está en que “o home non ten nin cuadra, nin pastor, nin nada”, polo que as vacas “andan soltas día e noite, aparecen nas hortas da xente, comen as colleitas e mesmo chegan ás casas”. Dúas mulleres do lugar sofren esta situación a diario: “É lamentable escoitalas berrar porque lles arruína as colleitas todos os días”, engade.

A estrada DP-8203, moi transitada e pola que circula un autobús escolar cada hora, converteuse nun punto crítico. “Temos vídeos de vacas cruzando de noite, ás doce, á unha, ás catro da mañá… É un milagre que non morrera ninguén”, asegura. Segundo relata, xa se produciron varios accidentes graves: “Houbo dous sinistros totais. Unha furgoneta quedou destrozada e unha vaca morreu no acto. Outro coche bateu cun becerro que saíu voando ao outro lado da estrada”.

Ante a inacción das administracións, os veciños víronse obrigados a facer “garda nocturna durante dous anos” para evitar que o gando se espallase: “Imposible vivir así. É un sen vivir. Saímos cada noite para evitar unha desgraza”, comenta Novio.

A situación agravouse con episodios de ameazas e intimidacións. “A nós intimidounos xa tres veces con secuaces. A dúas mulleres tivémolas que esconder dunha noite para outra. E todo está denunciado: Garda Civil, Policía Nacional, Local, Concello e Xunta. Todos teñen fotos e vídeos”, afirma. Tamén fala de insultos e provocacións constantes: “Agora xa nin argumenta, agora insulta. É o único que fai. Quere provocar para que alguén perda a paciencia”. Os veciños aseguran recibir chamadas anónimas pola noite e atoparse con persoas bloqueando o paso nas estradas da zona.

Outro foco de conflito é o paso do autobús escolar: “O chofer ten que apartar polas e ramas que caen á estrada pola maleza que plantou este home na cuneta. Un día díxonos que non ía poder vir porque non hai por onde pasar”.

Os residentes lamentan sentirse totalmente abandonados. “O Concello sabe todo, pero non fan nada. Xa non sabemos onde acudir. Non somos delincuentes. Pagamos impostos e merecemos vivir tranquilos”, subliña Novio.

Ante a falta de respostas, os veciños de Coreixo preparan novas medidas: “O único que nos queda é acudir ao Defensor do Pobo e organizar manifestacións. Xuntamos xa 350 sinaturas e temos apoio de Marrozos, Vedra e Teo. Pero isto non pode seguir así. Todos os días vivimos con medo”.

Daniel Novio conclúe cun desexo claro: “Oxalá esta entrevista sirva para algo. Que alguén tome cartas no asunto dunha vez. Porque isto non é o rural galego normal. Isto é un rural sen lei”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *