Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 diciembre, 2024
Radio Líder Santiago recibía este mércores a Alba Mariño, xerente de Quenlla SCQ, quen compartiu a experiencia de participar na campaña «12 comercios, 12 sensibilidades», unha iniciativa que mestura comercio local e solidariedade. O proxecto, desenvolvido ao longo do ano, culmina este mes de decembro co apoio á ONG A las olvidadas, que se dedica a achegar libros con dedicatorias personalizadas a mulleres reclusas en cárceres femininos.
«A realidade destas mulleres é estremecedora. Moitas están completamente afastadas das súas familias e amigos, en situacións de gran vulnerabilidade. Levarlles un libro, con palabras que lles dean ánimo, é ofrecerlles unha ventá á esperanza», explicou Alba. A ONG Alas Olvidadas, creada a partir do proxecto Teta & Teta, traballa para visibilizar a realidade das mulleres encarceradas e facelas sentir menos esquecidas.
«Non é só un libro. É unha mensaxe persoal que pode iluminar os días máis escuros. As mulleres reclusas, a miúdo vítimas de violencia machista ou de situacións de extrema precariedade, reciben estes libros como un agasallo cargado de emocións. As dedicatorias son fundamentais, un pequeno xesto que significa moito», destacou Alba, emocionada ao falar do impacto desta acción.
Na súa intervención, a emprendedora resaltou o papel fundamental das pequenas empresas nesta campaña. «Os comercios locais non somos só lugares para mercar, somos unha parte importante do tecido social. Esta campaña permítenos devolver algo á comunidade e apoiar causas que importan.»
Os puntos de recollida de libros inclúen tendas como Quenlla SCQ, no Mercado de Abastos, e outros establecementos locais, ademais de librarías como Couceiro, Cronopios, Lila de Lilith, e Minúscula. Alba indicou que «os libros doados deben ter un significado especial para quen os entrega. Pode ser un libro que te fixo rir, que te axudou nun momento difícil, ou que che marcou a vida. E esa dedicatoria, escrita coa alma, é como unha aperta que chega onde nada máis pode chegar.»
A culminación desta iniciativa terá lugar o día 6 de decembro cun encontro na libraría Maruxa e Coralia, ás 19:00 horas, onde se reunirá a comunidade para compartir libros e reflexións. Participarán artistas como Lúa Mosquetera e Carlos Roma, que lerán fragmentos e falarán da importancia da literatura como ferramenta de cambio.
«A lectura é liberadora. Mesmo nas circunstancias máis difíciles, un bo libro pode levarte a outro lugar, facerche esquecer por un intre o mundo que te rodea. Por iso, queremos animar a todos a participar nesta campaña e a compartir un pouco de esperanza a través da literatura» – afirmou Alba.
A entrega de libros será o día 20 de decembro no módulo feminino Nelson Mandela, no cárcere de Teixeiro, onde as reclusas recibirán este agasallo inesperado e transformador. «Son mulleres que viven situacións moi complexas. Co 90% delas vítimas de violencia machista nalgún momento, estas pequenas accións fanlles saber que non están soas, que hai segundas oportunidades.»
Alba Mariño pechou a súa intervención agradecendo o apoio dos medios e destacando a importancia de iniciativas coma esta para reforzar o pequeno comercio e o compromiso coa comunidade. «Non somos só negocios. Somos persoas que queremos deixar unha pegada positiva na nosa cidade.»
Con campañas como «12 comercios, 12 sensibilidades», o comercio local de Santiago de Compostela demostra que solidariedade e negocios poden ir da man, iluminando vidas onde máis se necesita.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
12 comercios 12 sensibilidades comercio Entrevista radio lider santiago solidariedade
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)