Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 mayo, 2025
O galo de curral brillará esta fin de semana en Cruces nunha festa gastronómica na que se degustará esta ave criada de forma artesanal coa asistencia de máis de 5.000 persoas
Luís Taboada, alcalde: “O Galo é a nosa gran festa na que todos saímos a gozar dun espazo de convivencia, onde se xuntan as músicas e espectáculos variados moi atractivos”
Farase unha homenaxe póstuma a José Luis López, propietario do restaurante Casa Don Dín e promotor da Festa do Galo
O pregón do actor Carlos Blanco será o domingo, unha xornada na que tamén haberá pasarrúas e as actuacións da cantante de OT Natalia e a orquestra Marbella
O Festival de Bandas de Música de Galicia celebrarase mañá sábado a partir das 18 horas, coas actuacións da Unión Musical de Ponteledesma, a Banda de Música Cultural Teo e a Banda de Música Artística de Merza acompañada pola Coral de San Salvador de Camanzo
Entrevista ao alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada:
Vila de Cruces, 23 de maio de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- O Concello de Vila de Cruces celebrará esta fin de semana a XXXI Festa Gastronómica do Galo de Curral cunha previsión de asistencia de máis de 5.000 persoas.
O alcalde de Cruces, Luís Taboada, convida a veciñanza a participar na festa e facer a hospitalidade aos que veñen de fóra. «O Galo é a nosa gran festa na que todos saímos a gozar dun espazo de convivencia, onde se xuntan as músicas e espectáculos variados moi atractivos. É unha oportunidade magnífica para compartir con familiares e amizades unha fin de semana que se anuncia con bo tempo e moi animada. Este ano queremos tributar unha agarimosa homenaxe póstuma a José Luis López Rodríguez, que foi un hostaleiro e promotor principal desta cita gastronómica. A súa viúva, Luisa, acompañaranos o domingo para recibir este recoñecemento ao seu home, pero que o facemos extensivo a ela tamén, porque sempre o acompañou na cociña. O pregón de Carlos Blanco será outro prato forte, que promete ser moi cruceño», segundo explica Taboada.
Declarada Festa de Interese Turístico Galego, a celebración iniciarase mañá sábado, 24 de maio, co Festival de Bandas de Música de Galicia, que comezará ás 18:00 horas na Praza Juan Carlos I (Praza do Concello). Contarase coa presenza da Banda de Música Unión Musical de Ponteledesma, a Banda de Música Cultural Teo e a Banda de Música Artística de Merza acompañada pola Coral de San Salvador de Camanzo.
Xa na noite do sábado, ás 00:00 horas, terá lugar o concerto de Gin Toni’s, un grupo que fai versións de clásicos da música española, de grupos como Seguridad Social, Revolver, La Guardia, El Último de la Fila ou Fito y Fitipaldis.
A fin de semana da Festa Gastronómica do Galo de Curral continuará o domingo 25 coa súa xornada grande, que estará presentada pola xornalista cruceña Mercedes Seijo. A festa comezará ás 11:00 horas con pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos ‘O Arco de Merza’ e ‘A Brincadeira de Carbia’. Xa ás 11:30 horas sumarase á festividade unha exhibición de coches antigos a cargo da Escudería Clásicos O Toxo na praza do Concello. O ambiente festeiro continuará ás 12:10 horas coa actuación do grupo local de música tradicional ‘Xuntounos Ela’ que encherá cos seus sons toda a vila.
Un dos momentos álxidos da xornada será o pregón, ás 12:45 horas, a cargo do actor Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959), un profesional da escena con máis de trinta anos de experiencia. O pregoeiro contaxiará do seu humor retranqueiro a todo o público do Galo. Carlos Blanco, que nos últimos cinco anos non deixou de rodar, afirma que é un «adicto» á escena. «É o que sei facer e encántame. Non hai como unha gargallada do público. É adrenalina para min», asegura.
Outro momento moi importante do día será a homenaxe póstuma que o Concello lle fará a José Luis López Rodríguez, o que fora propietario do restaurante Casa Don Dín en Cruces e promotor da Festa do Galo.
A viúva de Luis, Mª Luisa Parcero Rosende, fai memoria dos inicios na restauración en Santiago de Compostela, onde rexentaron o restaurante Chipén na rúa Alfredo Brañas nos anos 80. “Nesa época, varios clientes e amigos de Luis formaron a Peña Los Corraleros, e todos os martes pola noite o meu marido cociñaba galo de curral para todos eles no Chipén”, unha tradición que segundo explica Mª Luisa aínda se mantén na actualidade a pesar do pasamento de Luis hai doce anos.
Xa a finais dos anos 90, o matrimonio trasládase a Cruces onde abren o restaurante Casa Don Dín xusto nos inicios da Festa do Galo do Curral. Mª Luisa asegura que naquel momento había só algúns criadores do galo, pero pouco a pouco foron aumentando en número e centrándose en criar “galos soltos, de carne prieta por andar correndo”, un bo material que se vendía e promocionaba na Festa do Galo. “Cociñabamos o galo tranquilamente, con tempo e coa lentitude precisa para conseguir unha carne tenra. Tiñamos o restaurante cheo, sempre con colas para comer o domingo da festa, e moitas encargas”, asegura.
Tamén Mª Luisa destaca que días ou semanas antes da festa, facíase unha comida, primeiramente en Santiago no seu Chipén ou noutros establecementos como o Hostal dos Reis Católicos, e despois xa na restauración de Cruces para promocionar este produto local.
O mediodía terá unha espectacular actuación musical. Ás 13:10 horas toda a veciñanza de Vila de Cruces e os centos de visitantes que se achegarán ata a vila poderán desfrutar co concerto de Natalia, que saltou á fama con tan só 18 anos na primeira edición do famoso talent show musical Operación Triunfo.
Así fixo realidade o seu sono da nenez, converterse nunha cantante que ten xa cinco álbums de estudo, un álbum recompilatorio, e 28 singles, entre eles temas tan coñecidos como ‘Vas a volverme loca’ ou ‘Besa mi piel’ cos que gañou dous discos de oro, un disco de platino e máis de medio millón de discos vendidos, ademais de diferentes recoñecementos que distinguen os seus máis de 23 anos de carreira. Na actualidade, Natalia está inmersa na promoción e xira do seu novo single ‘Nadie más’ que presentará na Festa do Galo.
Obxectivo da Asociación de Criadores de Galo de Curral: Relevo xeracional
Unha festa gastronómica que se prece debe centrase na comida. Como é habitual a festa terá unha degustación de galo de curral, a partir das 12:00 horas na praza do Concello. O cociñeiro e veciño de Cruces Antonio Muñeiro preparará máis de 300 racións de galo de curral con patacas e fabas a un prezo simbólico de tres euros.
O presidente da Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces, Tito Mariño, destaca que a principal misión da entidade a día de hoxe é a promoción da cría de galo de curral entre a xente nova, para garantir o relevo xeracional.
O presidente e os vinte socios actuais protexen a cría artesanal do galo de curral, realizada en liberdade, cun máximo de 200 galos de engorde por cada criador segundo as regas da agricultura artesanal. Tamén engade que cada criador segue os ritmos naturais da ave, alimentándoa con produtos de tempada cultivados en hortas locais orgánicas, como por exemplo, grelos, tomates, cebada, soia, millo ou trigo, para “garantir un sabor e calidades propios da tradición gastronómica galega”.
Outro dos obxectivos da Asociación é, segundo o seu presidente, crear un medio de produción orixinal e puro, en liña cun sistema de produción harmonioso coa natureza que achega saúde e benestar ao consumidor. “Estamos aliñados cos principios e os valores da sustentabilidade en todo o proceso de cría, porque cada paso do proceso incide directamente na saúde do animal e no sabor da carne”, sinala. En total, o presidente apunta que a día de hoxe hai entre 700 e 800 polos e galos de curral na zona, sumando unhas 300 pezas para a Festa do Galo onde, ademais de degustar o produto cociñado, venderanse galos mortos.
A festa pecharase por todo o alto coa música de verbena da orquestra Marbella, que ofrecerán unha gran actuación a partir das 18:30 horas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)