Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “hoxe máis que nunca quero facer fincapé no papel crucial que xogamos, non só as administracións, todos e cada un de nós na conservación e na defenda do noso idioma. Na cultura reside a identidade dos pobos e, sen dúbida, a lingua é ese elemento diferenciador que nos fai únicos”
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, dixo “este ano en especial, cónstame que houbo aínda máis nivel que nos anos anteriores, polo que o xurado non o tivo nada fácil. Contamos con 39 pezas audiovisuais, presentadas por arredor de 80 mozos e mozas de Ames es outras localidades como Lugo ou Vilagarcía, e todas diferentes entre si, pola súa temática, pero con un punto en común, que é o galego”
Ames, 23 de novembro de 2024.- Punheta, Galibrownie, Mil e un instrumentos, As princesas tamén falan galego, Ven falar galego e Fitness da nosa terra son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2024. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada hoxe sábado, 23 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, que estivo presentada e dirixida polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío @konachadas e Rodri Míguez @rodrimiguez97, e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. Asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e maila concelleira de Mocidade, Carmen Porto. En total repartíronse 1.800 euros en premios.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe sábado, 23 de novembro, a gala da quinta edición do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames. Esta iniciativa pretende estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
O evento estivo presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío @konachadas e Rodri Míguez @rodrimiguez97, e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. Asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e concelleiros/as dos grupos municipais da Corporación municipal.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “hoxe máis que nunca quero facer fincapé no papel crucial que xogamos, non só as administracións, todos e cada un de nós na conservación e na defenda do noso idioma. Na cultura reside a identidade dos pobos e, sen dúbida, a lingua é ese elemento diferenciador que nos fai únicos. Eu quero que sigamos sendo únicos moitos anos máis: normativo, con gheada, con seseo, con castelanismos… Da igual, pero sempre en galego”.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, dixo “este ano en especial, cónstame que houbo aínda máis nivel que nos anos anteriores, polo que o xurado non o tivo nada fácil. Contamos con 39 pezas audiovisuais, presentadas por arredor de 80 mozos e mozas de Ames es outras localidades como Lugo ou Vilagarcía, e todas diferentes entre si, pola súa temática, pero con un punto en común, que é o galego. Esa lingua, que fai un mes coñeciamos que por primeira vez na historia non é a máis falada en Galicia. E é por iso polo que estamos hoxe aquí, porque as administracións debemos darnos conta de que temos ferramentas para mudar o rumbo”.
Participación no certame
Entre as 39 pezas audiovisuais, presentadas por arredor de 80 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, repartíronse seis premios de 300 euros, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 10 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos de 18 a 35 anos) houbo 29 vídeos admitidos.
Nesta edición participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades. Nesta quinta edición o xurado estivo composto polos creadores de contido en redes Nuria Grandío López (@konachadas) e Rodrigo Míguez Novoa (@rodrimiguez97) xunto coa especialista en comunicación audiovisual Noelia Francisco Lens. En representación do Concello de Ames, actuou como secretaria a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.
Premios do xurado
Na primeira categoría (mozas/os de 13 a 17 anos) acordouse por unanimidade outorgarlle un premio de 300 euros a peza Punheta, de Luna Gouvea Diz, Paula Rubianes Miguéns, Irene Abad Señoráns e Xulia Leiro Silva. Dentro desta mesma categoría tamén foi premiada con outros 300 euros a peza Galibrownie, de Lara Bazarra Souto, Candela Calo Romero e Alejandra Fernández Capelo.
Na segunda categoría (mozas/os de 18 a 35 anos) acordouse, tamén por unanimidade, premiar con 300 euros á peza Mil e un instrumentos, de Miguel Barbazán Lesta. Nesta mesma categoría tamén foi galardoado cun premio de 300 euros o vídeo As princesas tamén falan galego, de Antía López Castro.
Premios do público
Os outros dous premios, escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames, foron para a peza Ven falar galego con 563 votos e Fitness da nosa terra con 349 votos. Estas dúas creacións foron premiadas con 300 euros cada unha.
Ven falar galego foi elaborado por Sara Briones de la Barrera, Antía Paz Varela, Paula González Sabugueiro e Lucía Rubianes Miguéns. Por outra banda, os creadores de Fitness da nosa terra foron Diego Vázquez Feijoo e Mario Domínguez Rodríguez.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)