AD

Actualidad

Xa se coñecen os homenaxeados nos Premios Down Compostela 2024

today16 febrero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • O Padroado da Fundación recoñece a implicación e aposta dos galardoados para facilitar a inclusión educativa e laboral das persoas con trisomía 21 e discapacidade intelectual
  • A gala de entrega celebrarse o 20 de marzo no Hostal dos Reis Católicos para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down

Santiago. 16-2-2024. O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade recoñecer o traballo que veñen realizando Ofelia Vieites García, a El Corte Inglés Santiago de Compostela e ao instituto estradense Antón Losada Diéguez concedéndolles os Premios Down Compostela 2024 por facilitar a integración laboral e educativa das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 20 de marzo na gala que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos e na que as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán o acto e entregarán a escultura de Cándido Pazos que simbolizan estes premios, que celebran a súa undécima edición. O acto comezará ás 20.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21-3 ás persoas con Trisomía 21 dende o ano 2012.

O Padroado da Fundación, nunha reunión extraordinaria celebrada esta mesma semana, acordou por unanimidade conceder os galardóns deste ano a:

Ofelia Vieites García

Polo compromiso e apoio incondicional que dende o ano 2015 ven realizando para facilitar o desenvolvemento nas instalacións de Viveiros Compostela das prácticas dos cursos de formación que promovemos na Fundación. Coa súa calidade e calidez, favorece a inclusión e a participación das persoas usuarias da Área de Formación e Emprego de Down Compostela nos diferentes departamentos da empresa, facilitándolles a posterior incorporación ao mercado laboral ordinario.

Ofelia destaca pola súa empatía, tendendo a man sempre en positivo para facer que a estancia en Viveiros Compostela sexa unha experiencia de aprendizaxe útil; con dinamismo e vontade de mellora continuada, sendo todo un exemplo para facilitar oportunidades de crecemento persoal e profesional.

A El Corte Inglés de Santiago de Compostela

Pola súa confianza e forte compromiso coa inclusión laboral de persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, contribuíndo a visibilizar as súas capacidades e habilidades así como normalizar un dereito universal: o dereito ao traballo.

A súa política corporativa de Recursos Humanos levounos a incorporar en 2022 a Paula Fernández, Irene Rodríguez-Toubes e a Jacobo Dopazo e, en 2023, a Angélica Gontán. Paula, Irene e Jacobo presumen hoxe de ter un contrato indefinido. Os catro demostraron que con valentía e perseverancia é posible conseguir e manter un posto de traballo.

Orgullosos da súa empresa e dispostos a aprender e mellorar profesionalmente cada día, conseguiron ser un exemplo para compañeiros e compañeiras, amizades, familiares e a sociedade en xeral.

El Corte Inglés de Santiago de Compostela sabe xerar alianzas que promoven a inserción laboral das persoas coa síndrome de Down ou discapacidade intelectual e crer nas súas posibilidades.

Ao IES Antón Losada Diéguez

No IES Antón Losada saben como poñer o foco no contexto educativo e non nas dificultades da persoa, como puideron comprobar Sara Romero, no seu momento, e agora Fabián de Paz, nas aulas de formación profesional.

Este centro da Estrada favorece que o alumnado con necesidades educativas desenvolva as súas capacidades e habilidades ao máximo para conseguir unha calidade de vida digna. O equipo docente sabe que é necesario instaurar novas metodoloxías educativas e cambiar estruturas para fomentar unha inclusión real.

Entender que detrás do alumnado con síndrome de Down ou discapacidade intelectual hai soños, ilusións e capacidades é o primeiro paso para que o sistema educativo sexa realmente accesible e inclusivo.

No IES Antón Losada as persoas con discapacidade contan.

Premiados en edicións anteriores

Na primeira edición dos Premios Down Compostela, celebrada no 2012, foron galardoados o Concello de Santiago, a empresaria Sofía Cebro e Julio Castro Marcote, director do Hostal dos Reis Católicos. No 2013, os II Premios Down Compostela foron entregados ao CIEP Pérez Viondi de A Estrada, Pizza Móvil e BBVA. Os premiados no 2014 foron María García Quintas, a Asociación Cultural Rosalía de Castro, de Cacheiras (Teo), e a farmacéutica Keramat (Milladoiro, Ames).

No 2015 recibiron os Premios Down Compostela o catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios, o Instituto As Fontiñas e Limpezas Salgado. No 2016 os galardoados foron o Concello de Rianxo, Leroy Merlín e José Antonio Rey. No 2017 foron entregados á ex directora do BBVA, Carmen Barbeito, o colexio Divino Maestro e a empresa XADE (que xestiona o Multiusos Fontes de Sar e Santa Isabel).

Os premios DOWN COMPOSTELA de 2018 foron para o Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa (colexio Atocha), a empresa Cafento, a directora do Centro Instituciones Galicia de Caixabank, María Jesús García Piñeiro; e a voluntaria Malena González Barreiro. No 2019 a Fundación premiou a Lourdes González-Laganá e Mar Caamaño; Vero Boquete, a escola infantil municipal de Meixonfrío e a empresa Universo Milongas. Os IX Premios Down Compostela –que se entregaron en 2022 tras quedar suspendidos no 2020 e 2021 pola pandemia do coronavirus– foron para a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel.

En 2023, os Premios Down Compostela recaeron en Burger King, a Escola de Música Play e o empresarios José María Fernández “Chema”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%