AD

Actualidad

Xogos e monicreques en Santiago para unha fin de semana en familia

today4 octubre, 2024

Fondo
share close
AD

04/10/2024 A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle este sábado ás 18.00 horas o espectáculo ‘La maestra’, de Anita Maravillas. O domingo, día 6 de outubro, arranca na Casa das Máquinas o ciclo ‘Xogamos na Casa!’, un programa de xogos tradicionais que se estende até final de ano

Compostela Cultura continúa a tecer oportunidades para gozar do tempo de lecer en familia. Esta fin de semana programa dúas novas propostas para estimular a creatividade e a imaxinación do público miúdo e tamén do grande.

A primeira delas chega o sábado, día 5 de outubro, ás 18.00 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O espectáculo La Maestra, da compañía catalá Anita Maravillas, é unha peza de teatro de monicreques que recupera a memoria das mestras da República, os seus modos de ensinanza e as anovacións pedagóxicas que tentaron introducir no país. Concibida por Miren Larrea, con dirección de Iván Alonso, conta cun elenco conformado pola propia Larrea, por Maren Basterretexea e por Valentina Raposo, que se encarga tamén do deseño e construción dos monicreques. O espectáculo, dirixido á rapazada de 6 anos en diante, conta co apoio do Goberno Vasco do INAEM e do Etxepare Euskal Institutua.

Aínda quedan algunhas entradas para este espectáculo e poden ser adquiridas a un prezo de 3 € na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho do Auditorio de Galicia o propio día da función dende unha hora antes do seu comezo.

Xogamos na Casa!

O domingo, día 6 de outubro, a Casa das Máquinas do barrio de Galeras acollerá a primeira sesión do Xogamos na Casa! un ciclo que procura achegar un espazo para se divertir en familia, para descubrir e redescubrir xogos e xoguetes cos que deixar voar a imaxinación e o tempo. Esta primeira cita chega da man dos Xogos do Paporrubio, un compendio de brinquedos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. A finalidade é facer accesible, a través da diversión en familia, unha cultura agraria que de por si adoita fascinar e marabillar. A actividade está pensada para a rapazada de entre 1 e 12 anos de idade e a participación é libre e de balde até completar capacidade.

Os Xogos do Paporrubio volverán o 27 de decembro ás 17.00 horas, pero antes diso haberá outras catros sesións de Xogamos na Casa!: os días 19 de outubro (ás 17 h) e 24 de novembro, (ás 11 horas) Xogos Miudiño convidará a redescubrir xogos clásicos como como os zancos, os aros, a ferradura, ou o tiracroios alén de trebellos para a exploración musical e outros pequenos xoguetiños especialmente pensados para o público miúdo. E o 9 de novembro (ás 17 horas) e o 26 de decembro (ás 11 horas), Garabato de Xogos chegará á Casa das Máquinas cun regueiro de trebellos para pór a proba e aguilloar a habilidade, a destreza, a coordinación e o enxeño da rapazada. Todos eles construídos grazas á reciclaxe de trastes que alguén considerou vellos pero que, no fondo, tiñan aínda moitas cousas que achegar.

Todas as sesión do Xogamos na Casa! son de balde até completar capacidade e sen necesidade de reserva.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%