AD

Arte y Cultura

Zeltia Irevire leva o folk galego de xira internacional: «A nosa música é unha revolución bailada»

today22 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

Redacción, 22 de marzo de 2025.- O grupo Zeltia Irevire segue a consolidarse no panorama musical galego cun estilo que bebe do folk tradicional pero que se atreve a explorar novas sonoridades. Cunha forte presenza nas redes e un crecente interese por parte do público, a banda está a vivir un dos seus mellores momentos. Recentemente, en conversa con Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago, falaron sobre os seus inicios, a súa evolución musical e os proxectos que están por chegar.

O proxecto comezou en 2018 de xeito case fortuíto. «Foi unha amiga que me dixo: ‘A miña compañeira de piso canta moi ben, tes que vir a un concerto dela’. Fun e dixen: ‘Encántame como cantas, molaba montar algo’», recorda Migui sobre o seu primeiro contacto con Zeltia.

A semente estaba plantada, pero pasou un tempo ata que decidiron dar o paso definitivo. «Fun vivir a Escocia e ao volver chamásme Zeltia. Xuntámonos para un concerto, case sen ensaiar, e gustounos tanto que decidimos seguir», engade. Pouco despois, uniríase ao proxecto Cibrán, violinista e multiinstrumentista, que daría unha nova dimensión ao son da banda.

O son de Zeltia Irevire pasou por unha clara transformación dende os seus primeiros pasos. «Temos unha base de cantautor moi marcada, con moita inspiración no folk, pero tamén bebemos doutros xéneros como o blues ou o pop», explica Zeltia. Ademais, foron incorporando novos instrumentos para enriquecer o seu son. «Antes tocaba só o bodhrán, agora metemos baixo, elementos de percusión máis modernos… Mesmo cheguei a tocar cunha lata de pementón!», comenta Migui entre risas.

A aposta por manter viva a identidade galega a través da música é clara. «As nosas letras reflicten o que sentimos, a nosa cultura, a nosa terra», subliña Zeltia. Un exemplo diso é A Sentinela, o seu novo tema, cunha historia inspirada nunha revolución cun toque de humor. «A letra náce dunha idea do irmán de Migui, é como unha novela cantada onde un galego, un escocés e un irlandés xúntense para cambiar o mundo… cun bo licor café polo medio», conta Cibrán.

«Queremos facer pensar, emocionar e bailar»

Máis alá da música, Zeltia Irevire aposta por letras comprometidas. «A nosa música é unha revolución bailada. Falamos de ecoloxía, identidade galega, da loita por conservar a nosa cultura», di Zeltia.

A banda participou en diversas mobilizacións, como a protesta contra a planta de celulosa de Altri. «A música sempre estivo presente na loita. En Galicia sabemos ben o que é cantar e protestar ao mesmo tempo», afirma Migui.

O futuro preséntase brillante para o grupo, que neste verán levará a súa música máis alá das fronteiras galegas. «Imos tocar en Portugal, Suíza e ata en Frankfurt», revela Cibrán. «Este ano dáse a casualidade de que viaxamos moito fóra, e iso déixanos moi contentos.»

Sobre o momento da música en galego, o grupo ve con optimismo a súa evolución. «Houbo tempos nos que nos dicían: ‘Onde ides cantando en galego?’ Iso agora xa non se escoita tanto», asegura Zeltia. «A lingua galega está presente na música de moitos estilos, e iso é froito do traballo de moitas xeracións.»

Para os seguidores da banda, avanzan que hai novidades en camiño. «Hai novas cancións que están case listas, pero non queremos desvelar moito. A sorpresa hai que escoitala en directo», di Migui.

Zeltia Irevire continúa a consolidarse como unha das propostas máis frescas e comprometidas da música galega actual, levando a esencia da nosa terra alén das súa fronteiras e demostrando que a tradición e a modernidade poden ir da man.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *