AD

Comarca

Ames pon en marcha a primeira edición do concurso de decoración de Samaín

today24 septiembre, 2024

Fondo
share close
AD
  • A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou “imos a elaborar unha lista cos establecementos que participen no concurso, para que os veciños e veciñas de Ames e aquelas persoas da contorna que veñan a mercar no noso concello, poidan realizar un percorrido por ditos establecementos para ver a súa decoración. É un xeito especial e diferente de dinamizar o noso comercio e hostalaría”
  • O técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou “levamos dezaoito anos celebrando o concurso de escaparates de Nadal e penso que facer este tipo de iniciativas é unha idea moi acertada. A noite do 31 de outubro é unha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano, co cal é importante que comercio e hostalería poidan presentar un aspecto común, neste caso cunha decoración axeitada a esta data”

Ames, 24 de setembro de 2024.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou hoxe a primeira edición do concurso de decoración de Samaín. Tratase dunha nova iniciativa que se pon en marcha por primeira vez para fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. Repartiranse 2.000 euros en premios: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A decoración deberá estar exposta como mínimo dende o luns 28 de outubro ata o domingo 3 e novembro. As inscricións poderán tramitarse dende o día seguinte á publicación das bases no BOP. O último día de presentación de solicitudes será o 20 de outubro. O motivo e decoración dos escaparates terán como tema principal a festa do Samaín.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova iniciativa, que organiza a Concellaría de Promoción Económica para fomentar o comercio local de Ames. Este concurso xorde por petición dos propietarios/as dos establecementos comerciais que foron premiados no concurso de decoración e Nadal, que solicitaron máis iniciativas deste tipo para fomentar que a veciñanza visite e merque no comercio local.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou “imos a elaborar unha lista cos establecementos que participen no concurso, para que os veciños e veciñas de Ames e aquelas persoas da contorna que veñan a mercar no noso concello, poidan realizar un percorrido por ditos establecementos para ver a súa decoración. É un xeito especial e diferente de dinamizar o noso comercio e hostalaría. Esta iniciativa xorde das persoas que foron premiadas nos concursos de decoración de Nadal, que nos propuxeron facer máis concursos deste tipo porque é un xeito de que a clientela visite os escaparates e mailos comercios para ver a decoración e mercar neles”. Ana Belén Paz engadiu que “as persoas que participen no concurso terán que enviar un vídeo de 30 segundo sobre a decoración do seu establecemento, que se publicarán nas redes sociais co obxectivo de darlle visibilidade ao comercio e hostalería de Ames”.

O técnico do departamento de Promoción Económica, Jorge Couñago, explicou “levamos dezaoito anos celebrando o concurso de escaparates de Nadal e penso que facer este tipo de iniciativas é unha idea moi acertada. A noite do 31 de outubro é unha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano, co cal é importante que comercio e hostalería poidan presentar un aspecto común, neste caso cunha decoración axeitada a esta data. O obxectivo é animar á clientela a que acuda ao noso comercio e aos nosos locais hostaleiros para que merque e consuma en Ames. O concurso está aberto a todos os establecementos comerciais que queiran decorar tanto os seus escaparates como o interior do local. Agardamos a máxima participación posible e que sexa un concurso que cree un ambiente festivo no noso concello”.

Inscrición, lugar e prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte á publicación do extracto das bases do concurso no Boletín Oficial da Provincia. O último día de presentación de solicitudes será o día 20 de outubro de 2024. Non se admitirán solicitudes presentadas fóra do prazo indicado. As solicitudes poderán presentarse mediante instancia xeral acompañada do Anexo I na Sede electrónica do Concello de Ames. Do mesmo xeito, poderán presentarse de forma presencial de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou nas Oficinas Municipais no Milladoiro.
Por outra banda, todos os concursantes terán que enviar un vídeo do establecemento decorado, de como máximo 30 segundos, ao correo electrónico amesnarua@gmail.com. O último día de presentación do vídeo será o 29 de outubro de 2024. Soamente se admitirán os vídeos enviados no prazo indicado e para os que conste a solicitude de participación rexistrada no Concello ata o 20 de outubro de 2024.

Condicións de participación

Os motivos e decoración dos establecementos terán como tema a festa de Samaín. Soamente poderá presentarse ao concurso un único proxecto por establecemento. O interior do establecemento así como o escaparate, deberán manter a súa decoración entre os días 28 de outubro de 2024 e o 3 de novembro de 2024.
O importe da convocatoria e dos premios ascende a 2.000 euros que se repartirán do seguinte xeito: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. O concurso Samaín 2024 tamén está dotado coa cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal, para os tres gañadores.

Composición do xurado

O xurado estará composto por 3 membros: un/unha representante do voluntariado de Ames; un/unha representante do voluntariado de protección civil de Ames; e un/unha representante da Unión de Consumidores de Galicia. Ademais, un/unha traballador/a da Concellaría de Promoción Económica actuará como secretario/a, con voz pero sen voto. O xurado valorará os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorarase a utilización de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%