AD

Actualidad

Boqueixón, desenvolvemento sustentable no corazón da comarca de Compostela

today18 junio, 2024

Fondo
share close
AD

Foto: Ovidio Rodeiro durante a entrevista

Ovidio Rodeiro, alcalde do Concello de Boqueixón, realizou un balance positivo do seu primeiro ano de goberno nesta nova lexislatura nunha entrevista en Radio Líder Santiago. Rodeiro destacou que o censo do municipio se sitúa esta mesma semana en 4.330 habitantes, unha cifra que se mantén estable e incluso medra lentamente, o que considera unha boa nova ao non perder poboación. Boqueixón é un concello rural e disperso con 14 parroquias e 72 quilómetros cadrados, que forma parte da comarca de Compostela e goza da proximidade aos servizos que ofrece a cidade de Santiago.

O rexedor popular salientou que o 100% das vivendas contan co servizo de auga implantado, incluíndo os establos, lembrando que Boqueixón abastece de auga ao aeroporto de Lavacolla, a Vedra, unha parte de Vila de Cruces e algunhas casas de Santiago. O custo deste servizo por vivenda, confesa, é de 4.700 euros. O alcalde destacou que o logro desta lexislatura será implantar tamén o sistema de saneamento en todas as aldeas do concello. Ademais, anunciou a inminente estrea da estación depuradora de augas residuais (EDAR), cun investimento de 1,8 millóns de euros.

Álvaro Veiga e Ovidio Rodeiro no photocall da emisora

Rodeiro, diplomado en Maxisterio, conta cunha longa traxectoria política. Foi concelleiro en Boqueixón dende 1999 ata 2009, primeiro tenente de alcalde dende 2003, e Director Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia ata 2015, cando foi elixido alcalde con maioría absoluta. Tras un período como Delegado Territorial da Xunta na provincia da Coruña e deputado no Parlamento de Galicia, volveu ser elixido alcalde nas municipais de 2023, renunciando como deputado, etapa que narrou emocionado durante á entrevista con Álvaro Veiga. «Os primeiros catro anos en política un está de aprendiz», apunta.

Boqueixón presume de ter unha débeda cero e ofrece diversos servizos á cidadanía, como a piscina municipal operativa dende 1997 e unha das primeiras escolas infantís da comarca, onde todos os nenos e nenas teñen unha praza garantida. Tamén se implementan programas de conciliación e vantaxes fiscais para familias con rendas baixas. En breve, implantarase un servizo de canguraxe e programas educativos complementarios.

Rodeiro tamén mencionou as múltiples iniciativas turísticas asociadas ao Pico Sacro, un lugar de gran importancia histórica e cultural, así como o potencial do sector primario, industrial, madeireiro e vitivinícola do concello, así como o sector servizos. «A xente ten traballo, apenas temos paro», asegura. Outro dos obxectivos do alcalde é potenciar o sector turístico mediante a creación de paquetes turísticos vinculados ao Pico Sacro, o río Ulla, a gastronomía e as rutas de sendeirismo, para seguir impulsando o desenvolvemento económico e social de Boqueixón.

Tes a entrevista completa no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%