Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O FaM2024 celébarse do 3 ao 24 de agosto, promovido pola Asociación Cultural Cidade Vella coa colaboración do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, e apoiado por outras empresas colaboradoras. Trece escenarios ubicados por toda a cidade vella acollerán máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais. O escenario central será novamente o NARF e ubícase na praza da Quintana e en Praterías.
Baixo o lema «a cidade paralela, aquela que nos habita», o festival celebra o seu 21º aniversario cunha grella de programación de case corenta propostas musicais de moi diversos estilos. Do 5 ao 24 de agosto, a Rúa de Santo Agostiño, Praterías, a Praza dos Gatos, a Praza de Feixóo, a Quintana, a Vía Sacra ou San Paio de Antealtares serán algúns dos trece espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo.
Un dos sinais de identidade do festival continúa a ser a diversidade de estilos musicais que acolle na súa programación. Durante o mes de agosto, a veciñanza e as persoas visitantes da cidade histórica poderán gozar de artistas que navegan dende o jazz ata o groove, pasando polo folk, o blues ou a música tradicional galega, entre outras.
A programación contará con recoñecidas bandas da escena musical galega como Ruxe-Ruxe, Ailá ou Biribirlocke, mais tamén de novas formacións como Pablo Leira ou o dúo composto por Gloria Pavía e Rafa Morales. No menú musical deseñado por Ánxeles Porto para este caloroso mes de agosto, súmanse tamén propostas artísticas chegadas doutros países.Os arxentinos Claudio H. Mestís Trío e Lacandona, tamén fan parte do cartaz xunto a outras moitas artistas internacionais. Así, poderase gozar nas rúas da cidade vella de grupos coma os cubanos LAYUCA, David Alvarez y el trío Café Son ou Alejandro Vargas trío, que o público desfrutará nunha proposta de directo acompañado do galego Xosé Miguélez.
Escenario NARF, casa común do Feito a Man 2024
Como na pasada edición, o alcumado NARF é o escenario central do festival, onde todos os establecementos organizadores xúntanse para ofrecer unha programación conxunta. Nesta ocasión o escenario NARF é dobre e úbicase na Praza da Quintana e mais en Praterías, rendendo novamente homenaxe a Fran Pérez Narf, cancionista galego e gran amigo do festival, finado en 2016.
O Feito a Man 2024 dará comezo o día 5 de agosto na Praza dos Gatos cun concerto de Verónica Codesal e rematará o día 24 de agosto no Escenario NARF da Quintana co grupo Chekan
O festival está organizado un ano máis pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. É posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña e conta, ademais, con diferentes empresas coas que vén colaborando nos últimos anos como Estrella Galicia, Froq, Autos Brea, Vincusys, Casa de xantar O Dezaseis, Tórculo e Gadis.
Written by: Líder Redacción
compostela cultura feito a man radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)