Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 febrero, 2026
Ames, 27 de febreiro de 2026.- A Corporación municipal rexeitou a cuestión de confianza vinculada á aprobación do orzamento de 2026, polo que se abre un período de 30 días naturais para que os grupos políticos municipais do Partido Popular, BNG e Espazo Común presenten unha moción de censura. No caso de non presentar dita moción ou esta non saía adiante, o orzamento de 2026 pasará a estar en exposición pública durante un prazo de quince días. Na parte resolutiva, aprobouse de xeito inicial a modificación da ordenanza fiscal do ICIO, a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para financiar e poñer en marcha unha nova liña de axudas para as comunidades enerxéticas, e maila modificación do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia, para a realización do obradoiro dual de emprego Renova Verde. Ademais, debatéronse catro mocións presentadas polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, Partido Popular e BNG. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de febreiro comezou cun minuto de silencio en memoria da última vítima de violencia machista, María Belén Fernández, de 52 anos e veciña do concello de Mos, que foi asasinada pola súa ex-parella a comezos deste mes de febreiro. A continuación, o alcalde deu conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 295 decretos, do 201 ao 495. Neste apartado tamén se deu conta de catro actas de Xunta de Goberno Local, correspondentes ao meses de xaneiro e febreiro, e da designación de representantes do grupo municipal socialista de Ames na Comisión informativa permanente de Xestión Cultural, Deportiva e Promoción da Saúde.
De seguido, a concelleira de Servizos Económicos deu conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2025. Durante este período destacou que o período medio de pago a provedores foi de 19,45 días, por debaixo dos 30 días que establece a lei.
No apartado de dación de conta tamén se deu conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2025. A concelleira de Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz, informou que durante o ano 2025 o Concello recibiu un total de 188 entradas por rexistro co formulario oficial, que foron todas contestadas. Ademais, recibíronse máis de 1.250 correos no enderezo de atención cidadá solicitando información de diferentes asuntos de índole municipal, os cales foron todos respondidos.
Estas 188 queixas, suxestións e reclamacións divídense do seguinte xeito: 1 de administración xeral, 1 de arquivo, 21 de atención cidadá e veciñal, 6 de benestar social, 1 de bibliotecas, 14 de cultura, 15 de deportes, 1 de educación, 13 de medio ambiente, 1 de medio ambiente e obras e servizos, 11 de mobilidade, 1 de mocidade, 1 de normalización lingüística, 77 de obras e servizos, 2 de promoción económica, 1 de secretaría, 7 de seguridade, e 14 de urbanismo. Ademais, dende o 1 de xaneiro de 2026 xa se presentaron 33 queixas, suxestións e reclamacións, a través do formulario de rexistro, e 194 polo correo de atención cidadá.
A continuación aprobáronse por unanimidade as actas correspondentes á sesión ordinaria do mes de xaneiro e da sesión extraordinaria celebrada o pasado 4 de febreiro.
Cuestión de confianza vinculada ao orzamento de 2026
A continuación, abordouse unha cuestión de confianza vinculada á aprobación do orzamento municipal do exercicio 2026. Este punto foi rexeitado co voto en contra dos grupos políticos municipais da oposición. Os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal votaron a favor, mentres que o resto de edís do Partido Popular, BNG e Espazo Común posicionáronse en contra.
O encargado de expoñer este punto foi o alcalde, Blas García, que explicou “no pleno extraordinario do pasado luns 23 de febreiro non saíu aprobado o orzamento de 2026. Dende o goberno queremos dispor de dito orzamento polo que o vinculamos a unha cuestión de confianza. No próximo mes a pelota vai a estar no seu tellado, vostedes van a decidir se chegan a un acordo entre o Partido Popular e o BNG para gobernar de forma conxunta o ano e medio que queda ata as próximas eleccións municipais e presentar outro orzamento que consideren mellor. Se non chegan a ese acordo o único que conseguirán será atrasar a aprobación deste orzamento. Por sorte hai mecanismos para que os veciños e veciñas de Ames poidan desfrutar destes orzamentos, e este vai a ser un deles a menos que vostedes cheguen a un acordo de goberno. Non houbo vontade política en ningún momento, por parte dos grupos da oposición, de aprobar estes orzamentos, porque cando alguén quere chegar a acordos presenta unhas propostas realistas”.
Sobre este punto, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “despois de case vinte anos volvemos a aqueles tempos escuros, que xa pensamos que non volverían máis. Traen hoxe unha cuestión de confianza vinculada ao mesmo documento que foi rexeitado hai tres días por toda a oposición. Por desgraza non mudou nada, nin o documento, nin as formas, nin a vontade de acordo. A confianza non se somete a votación como un trámite para superar unha derrota política, non se forza, a confianza constrúese escoitando, negociando e integrando propostas, non ninguneando e presentando un documento pechado para despois pedir respaldo aludindo á responsabilidade. Teñen que entender que estamos ante un problema que vostedes propios crearon pola súa forma de actuar. Non estamos ante unha cuestión de confianza persoal, estamos ante unha cuestión de modelo. Se non cambia nada no documento, tampouco pode cambiar o noso voto. Trátase dun orzamento continuista, irrealizable e con cifras irreais”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, destacou “é imposible ter confianza agora mesmo no goberno do partido socialista que presentou uns orzamentos que son a mellor definición dun goberno estancado, continuista, pouco ambicioso e afatado da realidade social do Ames de 2026. É imposible confiar nun goberno que se autodefine progresista, pero que non afronta con valentía o problema da vivenda, e por enriba alimenta a especulación non poñendo freo aos prezos do alugueiro e de venda; que non aposta de xeito decido polo comercio local incrementando o importe dos Bonos Consuma e polo rescate do comercio do Milladoiro que leva moitos anos agonizando. Tampouco podemos confiar nun goberno que non ten intención de bonificarlle o IBI aos veciños e veciñas que non contan con servizos básicos; que minora na area de educación as partidas de mantemento e reparación dos centros educativos; e que presenta uns orzamentos que non responden ás necesidade en infraestruturas deportivas e que non apostan por unha protección ambiental axeitada. Vincular a aprobación dos orzamentos a unha cuestión de confianza non é síntoma de fortaleza, senón de debilidade e falta e diálogo”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “o que nos atopamos foi un goberno en minoría que non tiña verdadeira vontade negociadora, no momento no que se nos dá a data do pleno extraordinario antes que a documentación. Estamos nesta situación de debater unha cuestión de confianza porque este era o seu obxectivo dende o principio, sacar os orzamentos en solitario, e tamén porque está seguro de que neste mes que queda por diante non se vai a presentar unha moción de censura. O noso voto en contra hoxe é un voto en contra duns orzamentos malos para os veciños e veciñas de Ames, que non contan cunha boa planificación, e que contemplan recortes de ata un 35% en algo tan fundamental no concello máis novo de Galicia como é o mantemento dos centros educativos”.
ICIO e solicitude de subvencións
Na parte resolutiva, aprobouse de xeito inicial a modificación da ordenanza fiscal do ICIO. Dita modificación afecta ás autoliquidacións nas comunicacións previas, clarificación de prazos para bonificacións, prelación de suxeitos pasivos substitutos e actualización de módulos. Este punto aprobouse con 8 votos a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, 6 votos en contra dos/as edís do BNG e Espazo Común, e coa abstención dos/as 7 concelleiros/as do Partido Popular.
Ademais, aprobouse por unanimidade a solicitude á Deputación Provincial da Coruña dunha subvención nominativa, mediante convenio por importe de 100.000 euros, para o financiamento e posta en marcha dunha nova liña de subvencións para as comunidades enerxéticas do Concello de Ames. O importe de dita liña de axudas ascendería a 125.000 euros.
Tamén se aprobou por unanimidade a aprobación da modificación do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión, para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia, co obxectivo da realización dun obradoiro dual de emprego denominado “Renova Verde”.
Apartado de mocións
Neste apartado debatéronse catro mocións. Na primeira, presentada polo grupo municipal socialista, solicítase que a Xunta de Galicia acometa unha actuación definitiva e urxente na cuberta do CEIP A Maía. Tamén se solicita a substitución integral da cuberta do CEIP A Maía, poñendo fin ás filtracións e garantindo a seguridade das instalacións, e que a Xunta de Galicia elabore e execute un plan de remodelación e renovación integral do centro educativo, que permita actualizar as súas infraestruturas. Esta moción foi aprobada con 14 votos a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, BNG e Espazo Común, e coa abstención dos/as 7 concelleiros/as do Partido Popular.
Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, condénanse os actos de vandalismo cometidos contra as sedes do Partido Popular de Galicia, así como calquera outro acto de natureza similar dirixido contra sedes de formacións políticas democraticamente constituídas. Tamén se rexeita a utilización de mobiliario e espazos públicos ou privados para a colocación de pintadas, que non cumpren coa normativa vixente e con consignas que teñen o único fin de xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social, por seren contrarias á legalidade e ao respecto debido á convivencia cidadá. Esta moción foi aprobada con 16 votos a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, Partido Popular e Espazo Común, e co voto en contra dos/as 5 concelleiros/as do BNG.
Na terceira moción, presentada polo grupo municipal do BNG, abordouse que o Concello de Ames estableza un sistema de autorización temporal de estacionamento para traballadoras e traballadores que, por razóns profesionais, deban prestar servizos a domicilio de maneira itinerante nos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro, permitindo estacionar durante o tempo imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade. Dende o grupo municipal socialista solicitouse que dita moción quedase encima da mesa para estudar con máis detemento esta cuestión. Tralo correspondente debate, a moción quedou encima da mesa, co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e do Partido Popular, e co voto en contra dos/as edís do BNG e Espazo Común.
A cuarta e última moción, tamén presentada polo grupo municipal do BNG, foi para conseguir avanzar en igualdade real e efectiva fronte ao rearmamento do machismo. Neste caso solicítase que a Corporación municipal reafirme o seu compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego organizado neste 8 de marzo de 2026. Tamén se reclama á Xunta de Galicia a promoción dun acordo de país para a creación do Instituto Galego das Mulleres e a impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM. Por último, ínstase ao goberno municipal a impulsar a creación dun Consello Sectorial da Muller. Esta moción foi aprobada con 14 votos a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, BNG e Espazo Común, e coa abstención dos/as 7 concelleiros/as do Partido Popular.
Xa fóra da orde do día, a veciñanza da aldea de Pedras, pertencente á parroquia de Ames, formuloulle dúas preguntas ao Goberno municipal sobre o arranxo e mellora da ponte deste lugar e do servizo de recollida do lixo.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)