Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 diciembre, 2025
• Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, xunto cos veciños, percorreron os dous barrios do norte compostelá, constatando as necesidades dunha contorna marcada polo abandono e esquecemento que clama solucións, onde aos problemas de accesibilidade súmase a falta de mantemento.
• Os populares destacaron que a falta de xestión do goberno de BNG e CA está penalizando á veciñanza, sobre todo, á que precisa dunha contorna máis accesible.
O Partido Popular de Santiago, a través dos seus concelleiros, Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, veñen de denunciar os problemas de accesibilidade que presentan as rúas do Romaño e O Avío. A edil popular destacou que “parte da veciñanza non pode moverse con facilidade e seguridade polo seu propio barrio”.
Otero indicou que, nesta zona da capital de Galicia, “atopamos beirarrúas sen continuidade no seu final, sen rebaixe e, nalgúns puntos, con desniveis que dificultan o tránsito seguro e autónomo das persoas con problemas de mobilidade ou imposibilitan totalmente o paso ás persoas que usan cadeira de rodas, obrigándoas á baixar á estrada cos riscos que iso implica para a súa seguridade e integridade física”.
Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, acompañados dos veciños, percorreron estes dous barrios do norte compostelá, constatando de primeira man as necesidades dunha contorna marcada polo abandono e esquecemento que clama solucións, onde aos problemas de acceso súmase a falta de mantemento.
“A accesibilidade non pode seguir sendo un privilexio nin unha promesa electoral -subliñou a popular-, debe ser unha obriga cumprida, xa que non estamos a falar de imaxe ou estética, senón de dignidade, de respecto e sensibilización social”.
Os populares destacaron que a falta de xestión do goberno de BNG e CA está penalizando á veciñanza, sobre todo, á que precisa dunha contorna máis accesible.
“Compostela desmorónase baixo a incompetencia dun goberno minoritario -remarcou De la Fuente- xa que a capital de Galicia atópase inmersa nunha decadencia imparable, no caos dunha xestión municipal ineficaz, na que as veciñas e veciños sofren os estragos dunha cidade decadente, abandonada, mentres o goberno nacionalista non asume as súas responsabilidades, non ofrece solucións aos problemas da veciñanza”.
Os edís populares lémbranlle ao goberno nacionalista que a accesibilidade é un dos maiores retos das sociedades actuais e un indicador do progreso e de desenvolvemento social dunha cidade que esixe unha mirada inclusiva no deseño das estratexias públicas “pero, no caso de Santiago de Compostela, é unha asignatura pendente”, remarcaron.
“É imprescindible traballar para superar o nivel mínimo dun Santiago inclusivo, -agregou Yolanda Otero- para transformalo nunha cidade amable con toda a veciñanza, onde poidan desenvolver o seu proxecto de vida da forma máis autónoma posible e non só falamos de barreiras físicas, senón tamén de barreiras cognitivas”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)