Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 marzo, 2026
Hai noites que marcan un antes e un despois. A deste sábado no Multiusos Fontes do Sar foi unha ddelas. The Rapants non só encheron o recinto —arredor de 6.000 persoas—, senón que o converteron nunha celebración colectiva, nunha desas citas que explican por si soas por que unha banda deixa de ser promesa para se converter en fenómeno.
Dende ben cedo, o ambiente xa anunciaba algo grande. Filas, camisetas, grupos de amigos e esa electricidade previa que só acompaña ás grandes ocasións. O concerto de apertura correu a cargo de Ulex, que quentaron motores antes de que o Sar estoupase definitivamente coa saída dos de Muros.
E estoupou.

Porque o de The Rapants non foi só un concerto: foi unha festa continua, un diálogo constante cun público que cantou, saltou e acompañou cada tema coma se fose un himno. A banda respondeu cunha posta en escena sólida e directa, sen artificios innecesarios, apoiada nun repertorio que xa forma parte da banda sonora dunha xeración.
O cheo no Sar non chega por casualidade. É o resultado dunha traxectoria que leva anos medrando a base de concertos, discos e conexión coa xente. Xa no Son do Camiño deixaran clara a súa forza: a pesar dunha hora de actuación temperá, lograron reunir a milleiros de seguidores e encher o foso, algo reservado a poucos.
A súa capacidade de convocatoria xa quedara patente tamén en salas: as entradas para os seus concertos na Sala Capitol esgotáronse en tan só quince minutos, anticipando o salto a recintos de maior capacidade.
A confirmación chegou no verán de 2025, cando inauguraron o ciclo Atardecer no Gaiás na Cidade da Cultura de Galicia. Aquel concerto gratuíto colapsou os accesos e reuniu máis de 3.000 persoas nunha praza central completamente tomada polo público. Era xa evidente que o fenómeno ía en serio.
O salto ao Sar, con todo, supón outro nivel.

Co seu novo disco, Rapants Club, The Rapants consolidan un son recoñecible e unha proposta que bebe do indie, do disco e dunha actitude despreocupada que conecta directamente coa mocidade. Non hai pose: hai naturalidade, ritmo e unha enerxía que se transmite sen filtros.
A noite contou ademais coa presenza de convidados como Galician Army, Grande Amore, Sara Faro, Antía Ameixeiras e 9Louro, sumando capas a un espectáculo xa de por si intenso.
Fóra do escenario, o dispositivo especial de transporte facilitou unha saída ordenada, pechando unha noite redonda tamén no organizativo.
Pero o importante quedou dentro.

Porque máis alá das cifras, o que se viviu no Sar foi a confirmación dun momento. O instante no que unha banda deixa de medrar para, simplemente, estar arriba.
E agora mesmo, en Galicia, ese lugar ten nome propio: The Rapants.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)