Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 marzo, 2025
Santiago, 18 de marzo de 2023-. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle a título póstumo ao actor Xabier Deive o Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral distingue o labor de persoas e institucións a prol do noso sector escénico. Deste xeito, Deive únese a unha longa lista de homenaxeadas con este trofeo que inclúe, entre outros nomes, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, Cloti Vaello ou María Barcala, actriz que recibiu o Marisa Soto o ano pasado. É a terceira vez que se concede este galardón a título póstumo, tras as distincións outorgadas en 2015 a Xosé Manuel Olveira Pico e en 2022, a Lino Braxe.
A Xunta Directiva da AAAG decide así distinguir a traxectoria de Xabier Deive e poñer en valor unha vez máis a súa calidade humana, o seu talento artístico e o seu compromiso coa profesión. Con este galardón, o sector escénico quere manifestar o cariño que sentiu e continúa a sentir polo intérprete falecido en xullo do ano pasado. A AAAG non concibe a concesión deste galardón como unha despedida nin como un epílogo, senón como unha celebración plena e agarimosa da figura de Xabier Deive. Un festexo colectivo da persoa, do intérprete e do compañeiro.
Perfil biográfico
Xabier Deive (Narón, 1970-Santiago de Compostela 2024) exerceu ao longo da súa dilatada traxectoria as profesións de técnico, actor de cine, teatro e televisión. Entre as fitas nas que participou, destacan títulos como Jalisco (Jorge Valcárcel e Fran Piñeiro, 2001); La mujer del anarquista (Marie Noelle e Peter Sehr, 2006), El menor de los males (Antonio Hernández, 2007), A cicatriz branca (Margarita Ledo, 2012), Las altas presiones (Ángel Santos, 2014) ou Fatum (Juan Galiñanes, 2023). Deive fíxose un rostro ben familiar para o público galego ao formar parte dos elencos de producións audiovisuais como Rías Baixas, As Leis de Celavella, A vida por diante, Os Atlánticos, Matalobos ou Serramoura. Tamén contou con roles episódicos en series como Águila Roja, Piratas ou El Ministerio del tiempo. Nos últimos anos, traballou en producións audiovisuais como Libertad (Enrique Urbizu, 2021), Néboa (2020), Vivir sin permiso (2018) ou El final del camino (2017). As súas últimas incursións no cine viñeron da man de Sonia Méndez en As neves e de Simón Casal, quen o dirixiu en Justicia Artificial.
No ámbito escénico, participou en diferentes montaxes. Entre elas, cómpre lembrar títulos como Os carros do camiño (Ollomoltravía, 1998), O retrato de Dorian Grai (Uvegá Teatro, 2000), Poca vita (Teatro Maltés), Final de película (Ancora Producións, 2004), Edipo (Nove Dous, 2006), Estigma (Centro Dramático Galego, 2008), Gaivotas subterráneas (Talía Teatro-Voz Audiovisual, 2013) ou Sede de mal (Culturactiva, 2015).
Xabier Deive foi membro da AAAG dende o 1999, integrante da súa Xunta Directiva entre 2002 e 2006 e o seu presidente entre 2019 e 2021.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)