Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 diciembre, 2025
A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) vén de poñer en marcha o programa Xornalismo nas aulas, que conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, para contribuír á alfabetización dos estudantes galegos da ESO e Bacharelato, ante “o aluvión informativo dixital que lles chega a todos eles a diario a través da internet e das redes sociais”.
O obxectivo desta iniciativa, na que destacados profesionais da comunicación de Galicia cunha ampla traxectoria ás súas costas impartirán unha clase-obradoiro en quince centros da rede educativa pública galega, é facilitar aos rapaces ferramentas e prácticas para poder discernir entre a información de fontes e veraz, fronte a aquelas que poidan enturbar ou distorsionar os contidos.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Judith Fernández, asistiu hoxe a unha desas clases, no IES A Basella, na localidade Pontevedresa de Vilanova de Arousa, onde o encargado de impartir a actividade aos rapaces foi o xornalista Alberto Avendaño e onde acompañou á directora do centro, Rebeca García Rodríguez.
As clases-obradoiro, impartidas por xornalistas de prestixio da radio, televisión e da prensa escrita e dixital -entre os que figuran moitos directores e exdirectores de medios de comunicación da nosa comunidade e a nosa compañeira Sara Garea-, apostan por unha observación polo miúdo das informacións que lles chegan aos mozos a través das diferentes plataformas dixitais, recoñecendo ademais os efectos e influencias que producen nos cidadáns, así como o papel que teñen finalmente na conformación da opinión pública das novas xeracións, constituídas nas súa totalidade por nativos dixitais.
A presidenta da APG, María Méndez, subraiou que “toda vez que está constatado que os mozos xa empregan maioritariamente internet como principal fonte de información, e moitos dos contidos que lles chegan pola rede de redes son máis que dubidosos, antoxábasenos moi necesario desenvolver actuacións para que os estudantes adolescentes poidan distinguir entre bulos, fake news, informacións falsas…, e as novas debidamente contrastadas que publican medios de comunicación e os profesionais solventes e críbles”.
O programa Xornalismo nas aulas servirá tamén para dar a coñecer aos docentes os elementos e mecánicas dos que dispoñen para axudar aos estudantes, tamén das seguintes promocións, a identificar os diferentes tipos de mensaxes, de tal xeito “que poidan elixir e construír a súa percepción a partir de informacións procedentes da práctica dun xornalismo serio e con maiúsculas”, conclúe a presidenta. “Ademais, os profesionais da comunicación que asistirán ás aulas compartirán cos alumnos a súa propia experiencia xornalística e relatarán anécdotas de relevo durante o seu exercicio profesional, o que nalgúns casos podería mesmo fomentar algunhas vocacións entre os adolescentes”.
Escrito por Líder Redacción
Alfabetización mediática APG Asociación Periodistas de Galicia Asociación Periodistas Galicia Xornalismo nas aulas


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)