Listeners:
Top listeners:
 play_arrow
		play_arrow
		Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 octubre, 2025
 
		Chega o Samaín, a antiga festa celta que marcaba o fin do verán e o comezo do inverno, cando —segundo a tradición— os espíritos atravesaban a fronteira entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Galicia mantén viva esta tradición ancestral, e Santiago de Compostela énchese cada ano de iniciativas culturais, festivas e veciñais para celebralo.
Entre esas propostas destaca a que impulsa a Asociación Cultural Cidade Vella, que agrupa a locais hostaleiros comprometidos coa cultura e coa cidade. Este ano, seis deles —A Gramola, Camalea, Pub Atlántico, Borriquita de Belém, Xuntanza e Momo— unen forzas para ofrecer unha ruta de Samaín chea de música, disfraces, cinema e humor. As actividades repártense entre o 31 de outubro e o 1 de novembro, segundo o local.
As propostas de cada local
Durante a súa entrevista en Radio Líder Santiago, Gustavo Freire, responsable do Café Bar Camalea e membro da asociación, explicou que esta proposta xorde “porque o Samaín cada vez ten máis forza en Compostela. En Santiago a xente non escapa da cidade: quedase, disfrázase e vive o Samaín con moito entusiasmo. Vemos que a xente se disfraza moito máis que no Entroido, e dende os locais percibimos un ambiente espectacular.”
Freire destacou tamén que o labor da asociación require coordinación e diálogo constante: “Moitas veces hai que poñer puntos en común, e tamén hai pensamentos distintos, pero, como en calquera asociación, coa palabra e coas ideas clariñas, pouco a pouco imos chegando a acordos.”
O hostaleiro lembrou que todos comparten unha mesma filosofía de traballo: ofrecer cultura e convivencia a través da hostalaría. “Gústanos ver a asociación como un ente dinamizador da cultura na zona vella. Ademais de ser un lugar para tomar algo, os locais somos un punto de encontro, un canalizador das relacións humanas.”
Durante a conversa, subliñou a importancia de manter o equilibrio coa veciñanza. “Prevalecemos sempre a convivencia cos veciños e propoñemos actividades non só hostaleiras, senón tamén culturais. Cada local sabe como ten que organizarse, e cumprimos escrupulosamente as normas para manter unha convivencia pacífica e tranquila.”
A Asociación Cultural Cidade Vella, creada en 1987, agrupa a unha quincena de establecementos da zona histórica compostelá. O seu obxectivo, lembra Freire, é “ser un axente dinamizador da vida cultural e social da cidade”, e actividades como esta ruta de Samaín serven para “revitalizar a zona vella tamén no outono, non só no verán co Feito a Man.”
“O Samaín é unha escusa perfecta para reivindicar o compostelanismo e a convivencia entre veciños e hostaleiros, sempre dende o respecto e o bo humor,” engadiu o responsable do Camalea.
Con ese espírito, Freire adianta que a asociación xa traballa en novas propostas para o nadal, con actividades que sigan facendo da cidade vella un espazo vivo, cultural e acolledor durante todo o ano.
Escrito por Líder Redacción
A Gramola Asociación cultural Cidade Vella Borriquita de Belém Camalea Gustavo Freire Camalea Momo Pub Atlántico Ruta Samaín Santiago de Compostela samain Santiago de Compostela xuntanza


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)