Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 octubre, 2024
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Veciños da Cidade Histórica FONSECA celebrou hoxe unha rolda de prensa na súa sede do centro sociocultural Maruxa e Coralia, sito na praza Salvador Parga. O presidente, Roberto Almuíña; o vicepresidente, Xosé Baqueiro; e as vogais da entidade, Pastora Rivas e María José Lorenzo, falaron no acto sobre cuestións de actualidade e de gran interese para a veciñanza da cidade histórica, como é o necesario impulso á rehabilitación, a mobilidade no casco histórico e a súa contorna, a Alameda, e outros temas relevantes como a contaminación acústica nocturna na améndoa da cidade. Estes e outros temas están recollidos no novo número da Revista FONSECA, a quinta publicación feita practicamente na súa totalidade por membros da Asociación e que ademais conta coa colaboración da Asociación de Veciños Conxo Aberto, un primeiro paso para impulsar a colaboración doutros colectivos veciñais na revista.
Roberto Almuíña destacou a imaxe da portada, a gran nora de Compostela, “unha icónica atalaia” das festas da cidade que segundo a Asociación debe permanecer neste espazo sempre garantindo “a protección ambiental e patrimonial da carballeira de Santa Susana”. O presidente sinalou que se debe actuar “con urxencia” na Alameda, pero con sentido común e respectando o sentir dos composteláns, a pesar de que engadiu que a entidade non concorda co avance do Plan Estratéxico da Alameda.
O presidente, no seu editorial, fai un diagnóstico da degradación que está a sufrir a cidade, “con terrazas que medran privatizando as rúas para o beneficio económico duns poucos”; a limpeza que co novo contrato non fixo máis que empeorar; as restricións de mobilidade absurdas que só afectan aos veciños que son os que menos acceden cos seus vehículos á cidade histórica; o tráfico medra día a día, con ringleiras de visitantes que ninguén xestiona e atrancan rúas e prazas, o que mostra que non hai un modelo turístico definido que, en opinión da Asociación, debería ir cara o turismo de congresos e de eventos e non cara o modelo actual de camiña a Santiago. “A sociedade civil e as asociacións estamos dispostos a que Santiago non continúe degradándose” –asegurou Almuíña–.
No caso da cidade histórica, puxo de manifesto a perda de poboación que continúa desde o ano 2000, rexistrando un descenso do 24 %, segundo se manifesta na revista cunha reportaxe sobre un traballo demográfico do compostelán Óscar Cobos, onde tamén se amosa o aumento do número de inmobles abandonados actualmente sumando 123 edificios en este estado. “O Concello debería actuar como mediador e intervir aplicando a lei” –engadiu–.
Outro punto moi importante é a rehabilitación. Roberto Almuíña lembrou que non se están a deseñar plans de rehabilitación coordinados e adaptados ás moi especiais circunstancias dunha cidade Patrimonio da Humanidade, coas restricións de protección patrimonial que conleva nin dialogando coa veciñanza. “Na cidade histórica e no resto de Santiago padecemos dilacións crónicas debido á incapacidade xestora do Concello, que deberían resolverse sen demora outorgando o permiso de ocupación da vía pública ao tempo que se dá a licenza de obra, ambas outorgadas polo mesmo equipo” –explicou–.
A revista tamén rende unha sentida homenaxe ao comercio da cidade histórica, cunha entrevista a un histórico como o ultramarinos Cepeda na rúa de Cervantes, que José Luis Cepeda rexenta aos seus 81 anos con vontade de seguir; e outra a un espazo de xoiería artesá, recentemente aberto na rúa Nova, Macala.
Por suposto, Roberto Almuíña fixo mención ao nacemento da Federación Galega de Loita contra a Contaminación Acústica (FEGACÚSTICA), onde actualmente se está a traballar no fortalecemento da relación entre asociacións, e no ámbito lexislativo para modificar a Orde da Xunta de Galicia de outubro de 2020 que rexe os horarios de peche dos locais de ocio nocturno e nas terrazas. Solicitan a racionalización dos horarios e que se adapten aos que xa teñen no País Vasco, que é un pouco máis favorable. Sobre esta cuestión a Asociación manterá mañá unha reunión co Grupo Parlamentario Socialista de Galicia para presentarlle a proposta de FEGACÚSTICA.
Revista FONSECA, 400 exemplares para a veciñanza do casco histórico
A Asociación de Veciños da Cidade Histórica FONSECA edita o quinto número da súa revista anual, grazas ao programa de subvencións ás asociacións veciñais do Concello de Santiago. A publicación, da que se distribuíron 400 exemplares entre a veciñanza e negocios do casco histórico, consta de 20 páxinas nas que se recollen as principais inquietudes postas en común pola xunta directiva da entidade, que preside Roberto Almuíña e está composta por José Baqueiro, Paloma Pintos, José Ángel Cocho, Cristina Bacariza, María José Lorenzo, Pastora Rivas e Jesús Varela. Actualmente, a entidade ten máis de 160 familias asociadas.
Ademais dos temas xa expostos, a revista inclúe diferentes artigos de opinión, como o da doutora en Historia Mercedes Pintos sobre o miticismo da rúa da Balconada; a sinatura de Elías J. Feijó Torres sobre o traballo de investigación Galabra sobre a relación dos habitantes e os visitantes de Santiago; un artigo de temática xurídica da avogada María José Alonso sobre unha sentenza de Castela A Mancha sobre o exceso de explotación de soportais; outro de Sandra Pereira sobre a recuperación da Praza de Abastos como centro de distribución de produtos frescos; ou o artigo sobre o novo contrato do transporte urbano do presidente de Conxo Aberto, Juan Jesús Santos; entre outros.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)