AD

Destacado

As mulleres de Frades organizan este domingo unha xornada para inspirar estilos para eventos

today18 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Falamos coa presidenta desta entidade sobre esta cita, que contará coa participación de profesionais, desfiles e asesoramento, e tamén do labor e a actividade da asociación

A primavera está á volta da esquina e, con ela, comezan a chegar vodas, comuñóns, bautizos, graduacións e todo tipo de ocasións especiais nas que xorde a mesma dúbida: que poñer e como acertar co estilo. Pensando precisamente neses momentos, a Asociación de Mulleres Airiños Galegos do Concello de Frades organiza este domingo 22 de marzo unha xornada pensada para inspirar, orientar e compartir ideas arredor do estilismo en eventos.

Así o explicou a súa presidenta, Susana Rodríguez, quen recoñece que a idea xurdiu dunha conversa entre as propias socias. “Moitas veces non sabemos que poñer ou que nos favorece, e pensamos que sería máis doado se alguén nos orientara”, sinala.

O evento celebrarase ás 17:00 horas no local social de Galegos e contará coa participación de profesionais do sector. Entre elas, Lucrecia Martínez, de Moda Xoven A. Ferreiro (Ordes), que achegará propostas de tendencia en vestidos de convidada.

Un dos momentos centrais será o desfile, no que participarán socias da entidade. Unha proposta que busca romper estereotipos e achegar a moda á realidade. “Non fai falta ter un corpo perfecto: todas valemos para desfilar”, destaca Rodríguez.

Xunto ao desfile, a xornada completarase coa intervención de Silvia Souto, personal shopper e asesora de imaxe, que ofrecerá claves sobre peiteados, complementos e combinacións que marcarán esta tempada. “Será unha tarde para inspirarse, compartir e desfrutar”, resume a presidenta.

A cita incluirá tamén unha merenda e pequenos agasallos para as persoas asistentes, grazas á colaboración de negocios locais, entre eles a Farmacia Divina Pájaro de Ordes, que achegará detalles para as participantes. Dende a organización recomendan confirmar asistencia previamente chamando aos teléfonos 660 790 678 (Susana) ou 603 292 791 (Yuli), para facilitar a previsión de público.

Unha asociación que dinamiza o rural

Máis alá deste evento, a Asociación Mulleres Airiños Galegos leva case dúas décadas traballando no Concello de Frades, onde naceu na parroquia de Galegos coa intención de crear un espazo de encontro para as mulleres do rural. Co paso dos anos, a entidade foi medrando ata superar o cento de socias, incorporando tamén mulleres doutros concellos próximos como Ordes, cunha cota anual de 10 euros.

Ao longo deste tempo, a asociación centrou boa parte da súa actividade na organización de charlas informativas —sobre saúde, seguridade ou benestar— e en encontros sociais, converténdose nun apoio e nun punto de referencia.

Agora, buscan dar un paso máis e abrirse a novas propostas que tamén conecten coa xente máis nova. “Queremos que tamén se achegue xente nova e vexa que a asociación é para todas as idades”, explica Rodríguez.

Entre as próximas actividades, a asociación xa ten prevista para finais de abril unha charla centrada na prevención e experiencia arredor do cancro de mama, na que ademais de información profesional haberá o testemuño en primeira persoa dunha socia da propia asociación. “Non é só explicar que facer, senón tamén escoitar a quen xa o viviu e superou”, subliña.

Detrás de toda esta actividade hai un traballo constante por parte da directiva e das socias implicadas. Un esforzo que, tal e como recoñece a presidenta, paga a pena: “Moitas veces supón tempo e traballo, pero cando ves que a xente participa e desfruta, compensa”.

Deste xeito, a asociación continúa reforzando o seu papel no rural, combinando información, convivencia e novas iniciativas como a que este domingo converterá Frades nun espazo de inspiración para ocasións especiais.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *