Listeners:
Top listeners:
		play_arrow
		Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 noviembre, 2025
		No documento, a asociación afirma que “nos últimos anos estamos asistindo a un modelo de ocio nocturno moi violento que se manifesta en apuñalamentos ou pelexas multitudinarias ás portas de determinados locais de negocio do ocio nocturno”. Engade que “estes negocios atraen a persoas alcoholizadas e drogadas cuxa expresión máxima de violencia ten lugar ás portas destes establecementos, xa que son expulsadas do seu interior”, e que “arredor destes lugares proliferan outros negocios en pisos e locais, coma o tráfico de drogas, que se aproveitan deste público alcoholizado e drogado”.
O escrito tamén recolle que “ás molestias de ruídos exaxerados xerados nestes locais temos que sumarlle os comportamentos incívicos de todo tipo xerados na vía pública. Ata o punto de que os taxistas non acudan a estes lugares a partires das 4 de mañá por consideralos perigosos”.
A veciñanza —indica o texto— ten informado de incidentes repetidos “en 10 puntos da Zona Nova que están en mans de 7 empresarios deste tipo de negocio”. En total, “15 establecementos de ocio só na Zona Nova que, a partires da hora de peche, botan á rúa a centos de persoas, moitas delas bébedas, que deambulan polo barrio en busca dos 2 afters que actúan como recolledores”. A asociación considera que “non hai policía suficiente para controlar semellante situación”.
No documento menciónanse como negocios que máis incidentes comunican Stilo, TNT e La Grandota, ademais de Guayaba, Vanitas, Gabbana, O de Sempre, Circus, The Capital e Blaster, así como “pisos onde se trafica con droga a todas horas do día e da noite”, poñendo como exemplo de «aparente impunidade o nº 5 da rúa Santiago de Chile”.
A asociación manifesta que “non sería xusto ver só un problema de orde pública e culpabilizar unicamente ás persoas alcoholizadas e drogadas” e pregunta “cal é a responsabilidade de estes 7 empresarios que obteñen o seu beneficio económico do consumo nos seus negocios ata altas horas da madrugada”. Engade que “en Francia e no País Vasco os empresarios destes locais son responsables do que fagan os seus clientes diante dos seus establecementos”.
O escrito sinala ademais que “os custos dos servizos sanitarios, policiais, de limpeza e os destrozos ocasionados no mobiliario público ten que sufragalos a veciñanza que os padece”, e alerta da “percepción de inseguridade a consecuencia das repetidas agresións, roubos, ruídos descontrolados, pelexas multitudinarias e actos vandálicos”.
A Asociación Raigame do Ensanche exixe como primeira medida o cumprimento da lexislación vixente en materia de licenzas, horarios, aforos e control dos sonómetros instalados nos locais de ocio nocturno da cidade. Tamén exixe a erradicación dos puntos de venda de drogas e considera que se debe actuar “a nivel de toda a cidade para non levar o problema a outros barrios”.
Por último, anuncia que “imos xudicializar as denuncias e pedímoslle á veciñanza que nos contacte para formalizar as denuncias correspondentes”. Ademais, pide que “as persoas que padecen algún tipo de patoloxía agravada pola situación de ruídos e molestias ocasionadas por determinados negocios de ocio, acudan ao seu médico e soliciten informes da súa situación”.
Escrito por Líder Redacción
Asociacion Raigame Asociación Vecinos ensanche Raigame raigame Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)