AD

Arte y Cultura

A Banda da Loba prepara unha gran festa este sábado na Capitol para presentar ‘Lovismo’

today31 enero, 2025

Fondo
share close
AD

A Banda da Loba (ABDL) quenta motores para a publicación do seu quinto disco, Lovismo, que veu a luz o pasado 17 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. Como adianto deste esperado traballo, lanzouse o segundo sinxelo, Xogo de agardar, acompañado do seguinte videoclip.

Xogo de agardar é unha canción que evoca o sentimento que xorde cando dúas persoas se coñecen e saltan faíscas entre elas. Trátase dunha peza que captura a emoción do xogo de sedución, con letra e música de Inés Mirás, exintegrante do grupo.

O anuncio do novo sinxelo chega tamén coas expectativas postas no concerto de presentación de Lovismo, que terá lugar este sábado 1 de febreiro na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas xa están á venda na web salacapitol.com e de maneira física na tenda Trisquel Artesanía. Os menores de 16 anos poderán asistir ao evento sempre que estean acompañados dun adulto responsable e presenten o DNI.

Este concerto especial promete ser unha auténtica festa, na que as “Lobas” estarán rodeadas de artistas amigos para celebrar o lanzamento do novo álbum. Entre os convidados xa confirmados atópanse Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández. Ademais, a banda anunciou que haberá novas sorpresas.

ABDL: Unha traxectoria consolidada

Desde a súa irrupción na escena musical galega en 2017 con Bailando as rúas, A Banda da Loba consolidouse como unha das formacións máis destacadas do panorama galego. Os seus seguintes traballos, Fábrica de luz (2019) e o EP Hasme oír (2021), foron finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en galego, mentres que en 2021 a banda recibiu o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. No 2022 presentaron Xabón Lagarta, traballo co que estiveron xirando ata finais de 2023.

Na actualidade, ABDL está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que se incorporou á banda en substitución de Inés Mirás.

Andrea Porto en Radio Líder Santiago

Como parte da promoción de Lovismo, Andrea Porto, baixista da banda, estivo recentemente en Radio Líder Santiago, onde participou nunha entrevista na que falou sobre o novo disco, a evolución da banda e as emocións que rodean esta nova etapa. Durante a conversa, destacou o traballo realizado durante o último ano para dar forma a este álbum, no que o amor nas súas múltiples expresións é o fío condutor. Porto tamén animou ao público a asistir ao concerto de presentación en Santiago, asegurando que será unha noite inesquecible chea de música e celebración.

Con Lovismo, A Banda da Loba reafirma o seu estilo calidoscópico e a súa capacidade para conectar co público a través da música, cunha nova proposta que promete emocionar e sorprender.

A entrevista completa no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *