AD

Actualidad

A Banda Municipal de Música de Santiago arranca unha nova tempada

today16 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

“Escoita, sinte e desfruta!” é o lema da nova tempada de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que se desenvolverán principalmente no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. No ciclo de outono, a BMSC ofrece ata 15 concertos.

Esta proposta está pensada para todos os públicos, que combina tradición e vangarda, concertos didácticos e familiares, proxectos experimentais, colaboracións institucionais e iniciativas de proximidade.

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, institución cultural do Concello de Santiago dirixida por Casiano Mouriño, presenta a súa nova temporada musical cunha programación diversa, participativa e comprometida coa cidade e coa música como linguaxe universal.

Despois da súa participación no proxecto Sensoxenoma o pasado día 3, a Banda Municipal sae á rúa este venres 17 de outubro para festexar o 80 aniversario da Praza de Abastos, ás 13.00 horas no recinto do mercado.

Zarzuela galega “Non chores, Sabeliña”

Esta fin de semana, a BMSC únese a Amigos da Ópera de Santiago e Coro Liceo de Vilagarcía para ofrecer unha representación da zarzuela galega “Non chores, Sabeliña”, unha obra en tres actos de Gustavo Freire que data de 1942.

“Non chores, Sabeliña” achéganos cun sorriso e unha pinga de morriña, ao vello —e sempre novo— conto dos amores de mocedade. A protagonista sofre polos quereres, mais pronto verá que o verdadeiro amor sempre atopa o seu camiño. Con humor retranqueiro, fonda imaxinación, fe sinxela e ese carácter nobre tan propio do noso rural, esta historia fala da vida nas aldeas, onde rir, chorar e amar son parte do mesmo camiño.

Represéntase o sábado en Vilagarcía (no Pazo da Cultura ás 20.30 horas) e o domingo no Auditorio de Galicia ás 20.00 horas con entrada de balde previa retirada de localidades.

O domingo seguinte, 26 de outubro, a cita é no Teatro Principal, onde Casiano Mouriño dirixirá a banda no concerto “Unha ollada de onte a hoxe”.

A últimas cita de outubro serán para o público senior. Na Residencia do Castiñeiriño o mércores 29 e na da Volta do Castro o xoves 30, coa proposta “Desfrutando cos nosos maiores”.

Novembro de cine e maxia

A programación de novembro arrancará pegada ao cine. Dentro do Cineuropa 2025, o Auditorio de Galicia acollerá o domingo 9 ás 12.00 horas o concerto Sentimentos de película”, con proxección de imaxes.

Os sons de película darán paso ao belcanto con “Voces líricas, arias e romanzas” o domingo 16 no Auditorio, coa participación da BMSC, Amigos da Ópera de Santiago e Coro Liceo de Vilagarcía. Este concerto contará coas voces da mezzosoprano Julia Portela e o barítono Gabriel Alonso.

As nenas e nenos poderá desfrutar dos concertos didácticos do Músico Máxico que se desenvolverán en horario de mañá na sala Mozart do Auditorio os días 20 e 21 de novembro, dirixidos a alumnado de Primaria co mago-presentador Quiquemago. Esa mesma semana, o domingo, a proposta esténdese a toda a familia no Teatro Principal ás 12.00 horas.

Novembro remata co concerto “Ventos Ibéricos, ecos da tradición”, co director convidado Ivo da Silva , gañador do III Concurso Dirección Orquestral Reveriano Soutullo, o domingo 30 ás 12.00 horas no Teatro Principal.

Ballet para Nadal

O mes de decembro, a Banda Municipal de Música ofrece ten dúas citas. A primeira, do domingo 14 no Teatro Principal co concerto “De Gershwin a Turina”, con Javier Ares Espiño ao piano, dirixido por Casiano Mouriño.

Finamente, o domingo 21, tamén ás 12.00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá o Concerto de Nadal coa representación de “O Crebanoces. A maxia que nos envolve no Nadal’, unha proposta na que a BMSC estará acompañada polo Ballet de Galicia.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *