Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 enero, 2026
O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, mantivo este sábado unha reunión co director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e con arredor de trinta hoteleiros e hostaleiros da cidade para analizar polo miúdo a situación e os retos da industria turística compostelá.
Durante o encontro, Verea insistiu “na necesidade da posta en marcha de medidas urxentes de apoio á industria turística de Santiago”, ante a fonda preocupación amosada polo sector pola evolución negativa dos datos turísticos na capital galega.
“Nós queremos mellorar a industria turística e ter máis visitantes, porque defendemos o noso. Santiago naceu hai mil anos para recibir xente, ese é o noso ADN”, sinalou o líder popular, que reclamou ao goberno municipal nacionalista que “reaccione con medidas urxentes” á vista dos “malos datos turísticos que seguen acumulándose”.
Na xuntanza, na que tamén participaron os concelleiros populares María Baleato e José Antonio Constenla, Verea criticou a actitude do goberno local de BNG e Compostela Aberta, asegurando que “desde o principio teñen claro que para eles os visitantes son un problema, mentres que nós defendemos que o que fai especial e único a Santiago é precisamente a súa relación cos visitantes”.
O portavoz popular lamentou que “neste momento Santiago non sexa o mellor sitio da nosa comunidade para recibir á xente”, o que, ao seu xuízo, “demostra que as políticas do goberno nacionalista son nefastas para o sector e para a cidade”. Como exemplo desta situación, puxo sobre a mesa o peche temporal, por primeira vez na historia, do hotel AC del Carmen, establecemento de cinco estrelas pertencente a unha gran cadea internacional.
Verea subliñou tamén que “Santiago non ten un problema de turismo como Málaga ou Londres, estamos ante realidades completamente diferentes”, polo que defendeu a necesidade de “reforzar e protexer a nosa industria turística”.
O tamén deputado autonómico leva meses reclamándolle ao goberno local que diga con claridade “se quere visitantes ou non”, aínda que advertiu de que “a súa inacción non deixa lugar a dúbidas”. “Os datos que vén sinalando o sector desde o verán son demoledores: perda constante de viaxeiros, descenso da ocupación hoteleira e as peores cifras dos últimos cinco anos”, afirmou. “Así queda claro que Goretti Sanmartín non quere nin industria, nin visitantes, nin nada que xere riqueza na nosa cidade”, concluíu.
Para Verea, o goberno municipal “está conseguindo algo impensable: desfacendo unha industria turística que parecía inquebrantable”, o que, segundo indicou, “está facendo un enorme dano a Compostela e demostra que a cidade lles importa ben pouco”.
Pola súa banda, o director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, advertiu de que “nos preocupa o descenso da ocupación hoteleira en Santiago, debido fundamentalmente á falta dunha oferta complementaria que atraia visitantes durante todos os meses do ano”. Merelles lembrou que “o último mes no que medrou a ocupación foi xuño, coincidindo coa celebración do festival O Son do Camiño”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)