Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 enero, 2025
“Non queremos o vertedoiro en Niveiro nin en ningún sitio”, afirmou Ricardo Riveiro, presidente da Asociación Medioambiental de Niveiro, nunha entrevista este martes en Radio Líder Santiago, con Álvaro Veiga. A conversión da antiga canteira de Pedra Facha nun vertedoiro está xerando unha grande preocupación entre os veciños e organizacións ambientais.
A antiga canteira leva máis de 20 anos sen actividade, e segundo Ricardo Riveiro, “está xa rexenerada de forma natural”, con presenza de flora autóctona, fauna protexida como o lobo, e incluso anfibios. O presidente alerta sobre os posibles efectos nocivos deste proxecto para os mananciais de auga dos que dependen os veciños e as explotacións gandeiras da zona. “As nosas casas están a menos dun quilómetro da canteira, e o abastecemento de auga, tanto para as persoas como para o gando, vese directamente ameazado”, explicou.
Ademais, Riveiro puxo en dúbida as garantías ambientais do proxecto, criticando a súa falta de transparencia: “No proxecto non especifican que tipo de residuos van depositar alí, e incumpren artigos fundamentais da lexislación vixente, como o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA) 2023-2030.”
O Concello de Val do Dubra e a Asociación Medioambiental de Niveiro organizaron reunións informativas para concienciar á poboación. Así mesmo, facilitaron modelos de alegacións dispoñibles na web e nas oficinas do Concello. “Sabemos que hai moita xente maior que precisa axuda, e dende a asociación ofrecémonos a acompañarlles na redacción e presentación das alegacións”, comentou Riveiro.
Por outra banda, o líder veciñal destacou o traballo en redes sociais e a previsión de mobilizacións se o proxecto continúa adiante. “Se fai falta, chegaremos a Santiago para defender o noso medio rural. Non imos parar”, afirmou con contundencia.
Ricardo Riveiro destacou que a canteira, tras décadas sen actividade, xa é un espazo recuperado: “Despois de 20 anos, ten carballos, pinos e todo tipo de vida. Non precisamos intervir nela.” Ademais, a asociación reivindica o uso de prácticas de reciclaxe como alternativa á creación de vertedoiros. “Hoxe en día é posible reciclar máis do 90% dos residuos. Por que castigar máis a terra?”, preguntouse o presidente.
A asociación continuará presentando alegacións e estudando vías legais contra o proxecto. Riveiro tamén adiantou que, de ser necesario, acudirán á vía penal: “Se hai que ir polo penal, chegaremos ata alí para defender a nosa terra.”
Entrevista completa no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
denuncia Entrevista naviero polemica radio lider santiago val do dubra vertedoiro
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)