Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 mayo, 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volverá sumar o deporte á celebración das Letras Galegas coa XI Carreira Camiño das Letras, unha iniciativa organizada por Xurdir que une actividade física, cultura e tradición. Así o presentaron hoxe en rolda de prensa o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado por representantes de diversas entidades colaboradoras: Ovidio Rodeiro, alcalde de Boqueixón; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; e Antonio Riveira, representante de Xurdir e responsable de seguridade viaria da carreira. No acto tamén estiveron presentes Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; e Valentín García, secretario xeral da Lingua.
Durante o acto, o conselleiro destacou o valor desta iniciativa “na que queremos poñer en valor aspectos tan importantes e tan singulares como o deporte, a lingua e o patrimonio. Tres elementos que nos distinguen como galegos e que, ademais, teñen unha relevancia e unha importancia destacada no panorama nacional e internacional”.
Dúas distancias para o público adulto e circuítos para a rapazada no Gaiás
A carreira de 15 km partirá do Pico Sacro, no concello de Boqueixón, ás 10:00 h da mañá e percorrerá o Camiño do Sueste ou Ruta da Prata ata chegar á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Cinco minutos despois comezará a carreira de 5 km, que discorrerá polos exteriores da Cidade da Cultura e o Bosque de Galicia.
A partir das 12:00 h terán lugar as carreiras infantís en circuítos habilitados na Cidade da Cultura, que van desde a categoría sub 6 ata a sub 16.
As inscricións poden realizarse en www.carreirasgalegas.com ata as 23:59 h do mércores 14 de maio. Os dorsais poderanse recoller o 16 de maio na sede de Xurdir (Santiago de Compostela) ou, excepcionalmente, o propio 17 de maio na secretaría da organización na Cidade da Cultura. Xunto co dorsal, as persoas participantes recibirán un libro e o diploma Camiño das Letras. O día da carreira ofrecerase servizo de autobuses e gardarroupa desde o Gaiás ata o Pico Sacro.
Premios e novidades desta edición
Coma todos os anos, as tres primeiras persoas clasificadas nas probas de 15 km e 5 km recibirán un trofeo e un lote de libros. As e os gañadores das distintas categorías tamén recibirán un lote de libros. O centro escolar con maior número de participantes chegados á meta será recoñecido cun trofeo e outro lote de libros. Para os máis pequenos entregarase unha medalla conmemorativa do evento. Como novidade, este ano premiaranse os tres clubs mellor clasificados cun trofeo e un premio económico.
Escrito por Líder Redacción
camiño das letras carreira Carreira Camiño das Letras Carreiras galegas dia das letras galegas Xurdir
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)