Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 mayo, 2025
O Museo Casa de la Troya vai celebrar novos roteiros troyanos, visitas culturais teatralizadas polo centro histórico compostelá, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago, a Asociación de Antiguos Compostelanos e Alumni da USC. O primeiro terá lugar este venres, 23 de maio. Os seguintes están previstos para o 13 de xuño, o 11 e o 25 de setembro, e o último da temporada será o 10 de outubro.
Esta iniciativa poñíase en marcha hai oito anos con grande éxito entre o público de todas as idades. Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo. Explica que “estes roteiros culturais dramatizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela buscan achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya”. Durante o percorrido explícase como era a cidade entón, os usos sociais hoxe desaparecidos e tamén se afonda nas personaxes e anécdotas da época. “Trátase duha actividade cunha magnífica repercusión, que comezamos en 2017 co obxectivo de sacar o museo á rúa. Animo moi especialmente aos composteláns a que se acheguen a coñecer unha etapa importante da nosa cidade dun xeito lúdico” -indica Amor-.
Estes roteiros parten da praza de Mazarelos, ás 19:00 horas. O número máximo de participantes é de 16 persoas por roteiro e o prezo é de 6 €. Para os menores de 16 anos é de 3 €. Os interesados en participar nesta actividade deberán facer a súa reserva a través dos teléfonos (981 585 159 / 695 211 266) ou do correo electrónico do Museo (visitas@lacasadelatroya.gal) .
O percorrido remata na Casa de la Troya, onde os asistentes terán a oportunidade de facer unha visita guiada pola vella pensión de estudantes. Cada roteiro ten unha duración aproximada de unha hora e media, finalizando sobre as 20:30 horas.
Estas visitas guiadas ofrecen a posibilidade de viaxar no tempo ata a Compostela de finais do século XIX da man de Casimiro Barcala, o estudante recreado por Pérez Lugín na súa novela; interpretado por Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Nesta actividade combínase a información cultural e histórica co humor, vencellando os lugares que se visiten coa trama do libro.
Horarios do Museo
Nestas datas a Casa de la Troya abre de xoves a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Todas as visitas son conducidas polas guías do museo e teñen unha duración de entre 20 e 25 minutos, en grupos de doce persoas máximo.
Escrito por Líder Redacción
Museo Casa de la Troya Roteiros teatralizados Santiago de Compostela Visitas culturais Santiago Visitas teatralizadas Santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)