Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 junio, 2025
A Casa do Rock cumpre trece anos de traxectoria cun festival sen precedentes que terá lugar o sábado 7 de xuño no Pazo de Congresos de Santiago, e que reunirá a máis de 800 músicos, moitos deles alumnos e alumnas da escola. O evento, que mestura formación musical con espírito familiar e festivo, converterase nun escaparate para bandas emerxentes e futuras promesas do rock galego.
«É un día para vivir en familia, con actuacións, foodtrucks, xogos e, por suposto, moito rock», destaca Adrián Fernández, co-director da escola. A Casa do Rock leva anos funcionando como un espazo de formación musical pero tamén de convivencia: “Hai pais que tocan cos fillos, nais que cantan coas súas fillas… isto xa é unha comunidade”, explica. Ao longo do día sucederanse 30 actuacións repartidas entre mañá e tarde, con repertorio clásico e moderno, incluíndo temas de Queen, AC/DC, Dua Lipa ou Måneskin.
A entrevista tamén revelou as múltiples iniciativas da escola para a conciliación familiar durante o verán. Dende campamentos para nenos de 3 a 12 anos en Rosalía de Castro ata actividades organizadas pola Xunta e o Concello para adolescentes entre 13 e 17 anos, a escola ten previsto manterse activa ata setembro. “Durante o verán temos máis de 14 aulas ocupadas, con clases de canto, batería, teclado, guitarra… É un festival continuo”, comenta Fernández.
Como colofón, anunciaron un novo proxecto para o 21 de setembro no Monte do Gozo, que incluirá unha macroactuación con músicos do Conservatorio de Ponteareas, un coro infantil de Vigo e alumnado da Casa do Rock: “Serán uns 150 músicos sobre o escenario”, sinala con entusiasmo.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)