Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
14/03/2024.- O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, visitou esta mañá unha das seis novas illas para a compostaxe comunitaria instaladas polo Concello na contorna dos parques Eugenio Granell, O Vieiro e San Lázaro e das rúas Volta do Castro, Mónaco e Federica Montseny. A veciñanza poderá solicitar a instalación doutros espazos preto do seu domicilio a través da web municipal santiagosostible.gal.
Na súa andaina a prol da sustentabilidade, o Concello de Santiago vén de instalar seis novas illas para a compostaxe comunitaria na cidade. «A partir de agora, os veciños e veciñas da contorna dos parques Eugenio Granell, O Vieiro e San Lázaro e das rúas Volta do Castro, Mónaco e Federica Montseny poderán axudar a cumprir cos obxectivos europeos de reciclaxe, xestionando os refugallos orgánicos nestas localizacións», explicou o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, durante a visita á rúa Federica Montseny.
As illas de compostaxe na nosa cidade son de libre acceso para quen desexen facer uso delas, con estas seis son xa 10 as illas comunitarias existentes na cidade, engadindo as catro anteriormente activas en Galeras, O Romaño, Salgueiriños e Santa Marta. A localización de todas elas pode consultarse en santiagosostible.gal.
Baixo demanda
Dentro do compromiso coa compostaxe, desde o Concello ábrese a posibilidade de que a veciñanza solicite a instalación de novas illas próximas ao seu domicilio, a fin de achegar a reciclaxe á cidadanía para lograr o seu compromiso coa contorna. De consideralo oportuno, unicamente deberán cubrir o formulario de presente na web de santiagosostible.gal e a súa proposta estudarase para vindeiras actuacións neste eido.
Como espazos de compostaxe, nas illas poden desbotarse residuos orgánicos tales como sobras de froita, verdura, carne, peixe, cunchas de marisco, froitos secos, pan, restos de café e infusións, plantas, papel de cociña e tapóns de cortiza.
Tal e como indicou o concelleiro Xesús Dominguez, «no último ano xa foron usadas nos xardíns municipais arredor de 7 toneladas de compost, o que demostra un claro exemplo do noso compromiso coa economía circular, a materia orgánica que se volve a usar como abono para volver a producir materia orgánica».
Innovación cara á eficiencia
A iniciativa enmárcase dentro de Santiago Sostible, un proxecto conxunto entre o Concello de Santiago e Urbaser que procura unha xestión máis eficiente dos residuos urbanos e da limpeza viaria na vila compostelá, con innovadoras propostas como os puntos limpos móbiles ou a recollida de voluminosos a domicilio.
Desde o Concello lémbrase que a veciñanza que queira facer uso dunha destas 10 illas de compostaxe xa o pode facer, só ten que separar a materia orgánica no seu fogar, calquera tipo de residuo orgánico, incluído os panos de papel branco, osos, cunchas, etc … Non se debe depositar en bolsa pechada, aínda que esa bolsa sexa compostable, é necesario baleirar o seu contido no composteiro xa que de non facelo o proceso de compostaxe non se realizará ao non haber osíxeno suficiente, despois de facer o depósito da materia orgánica, corresponde botar a mesma cantidade do estruturante (astilla de madeira) que hai nun caixón anexo.
Ademais, o Concello pon mestres/as composteiras ao servizo destas illas, para axudar no proceso e facer os traballos de transvase e cribado de compost, son varios meses os que pasan desde que se realiza a compostaxe ata que se remata o proceso.
As persoas que teñan calquera cuestión sobre o funcionamento das illas poden poñerse en contacto na web santiagosostible.gal ou achegarse a calquera das illas que levan anos funcionando para comprobar como é un proceso natural, limpo, sen olores e sen insectos, que son dúbidas que poden xurdir a quen non coñece o proceso.
Para as persoas que viven no rural e teñen unha parcela, o modelo é o da compostaxe individual e poden solicitar na mesma web un composteiro que levarán de balde á vivenda e explicarán como poden facer o teu propio compost que servirá como abono para as plantas.
Escrito por Líder Redacción
compostela compostexe radio lider santiago santiago Sustentabilidade Ambiental
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)