AD

Actualidad

A Coruña aposta pola cultura e a música internacional na súa oferta turística do 2025

today22 enero, 2025

Fondo
share close
AD
  • Inés Rey anunciou en Fitur que Baiuca abrirá o 175 aniversario das Festas de María Pita e Luar na Lubre actuará no Festival Noroeste Estrella Galicia
  • O artista portorriqueño Residente será o cabeza de cartel do Morriña Festival
  • O festival de cultura e fútbol ‘Rebumbio’ será o punto de partida dos actos previstos como sede do Mundial 2030

A Coruña, 22 de xaneiro de 2025.- O Concello da Coruña presentou esta mañá na Feria Internacional de Turismo (Fitur) a súa estratexia turística para este ano 2025. A alcaldesa, Inés Rey, presentou o Destino A Coruña no pavillón de Galicia de Ifema Madrid, onde sinalou que “A Coruña é o principal referente do Noroeste peninsular, onde representa unha opción completa, especial, diferente e, ante todo, disposta a practicar a sedución desde a súa Cultura de Vivir”.

Durante o acto púidose ver a curtametraxe dirixida e protagonizada por Javier Veiga xunto a Xosé A. Touriñán que se presentou a pasada noite. Esta nova campaña turística amosa as grandes potencialidades da cidade nun formato de ‘western’ con toques de humor propios destes actores. “A Coruña atravesa unha exposión vital e cultural, á que chamamos Cultura de Vivir, que nos sitúa á fronte do dinamismo da nosa zona de influencia e máis alá”, indicou Inés Rey.

A alcaldesa avanzou boa parte da programación cultural e de ocio deste 2025, con múltiples actuacións musicais xa confirmadas no principal recinto multiusos do noroeste: o Coliseum. Así, este ano pasarán pola cidade Lenny Kravitz, Bad Religion, Alanis Morissette, Joaquín Sabina, Rigoberta Bandini, Quevedo, Myke Towers, Chayanne, Sen Senra ou Lionel Richie. Ademais, a cidade seguirá contando cun dos principais eventos musicais de Galicia: o Morriña Festival. Inés Rey anunciou que o seu primeiro artista confirmado é Residente, recoñecido cantante portorriqueño que conta cun Grammy e cinco Grammys Latinos.

Inés Rey reafirmou o compromiso do seu Goberno coa cultura de base e con raíz na Coruña e en Galicia. “Estamos a facer unha aposta sen precedente por poñer no lugar que lle corresponde a nosa cultura propia, situándoa en espazos reservados ata hai pouco para artistas internacionais”, indicou Rey. Nese sentido, a alcaldesa anunciou que Baiuca será o encargado de abrir as Festas de María Pita, no ano que se conmemora o seu 175 aniversario. Ademais, Rey tamén revelou que Luar na Lubre actuará na praia de Riazor no marco do Festival Noroeste Estrella Galicia, no ano no que celebran o 40 aniversario da súa formación.

Ademais, Inés Rey non se esqueceu da extensa programación propia coa que conta o Concello en espazos como o Teatro Rosalía de Castro e o Teatro Colón, con diferentes funcións xa esgotadas para este ano, así como o gran número de eventos que promove o Concello na cidade e que contribúen a atraer turismo.

O Mundial 2030 e a súa transformación da cidade

Inés Rey, durante a súa intervención, tamén destacou o papel transformador que terá para a cidade e os seus habitantes o ser sede do Mundial de Fútbol 2030. “A Coruña 2030 será o emblema das transformacións urbanas que estamos levando a cabo, da segunda gran modernización da cidade”, indicou a rexedora.

A alcaldesa anunciou o primeiro dos eventos que conmemorarán a presenza da cidade na maior cita deportiva do mundo xunto cos Xogos Olímpicos. En maio deste 2025 celebrarase na cidade a primeira edición de ‘Rebumbio. Un festival de Cultura e Fútbol’. Trátase dunha iniciativa sen apenas precedentes a nivel nacional e que versará sobre o poder do fútbol como “un dos maiores xeradores de cultura dos nosos tempos”. Haberá numerosos actos repartidos pola cidade, como unha feira de venda de libros, camisetas e coleccionismo, exposicións artísticas, cine, música, charlas e presentacións de libros, entrevistas, podcast en directo e xogos.

2024, un ano de récord

Por outra banda, Inés Rey sinalou que o principal obxectivo para este 2025 é bater os “extraordinarios datos” do pasado ano. Entre outras cuestións, Rey indicou que entre 2022 e 2024 incrementouse en máis de cinco puntos a ocupación hoteleira, con rexistros do 85% de ocupación no mes de xullo e de 92% no mes de agosto. “Estes datos son consecuencia, en gran medida, da nosa programación cultural do verán, moita dela ao aire libre e aberta a todos os públicos”, indicou a rexedora.

Así mesmo, no 2024 subiron en case dez puntos o número de visitantes á Torre de Hércules, símbolo da cidade e Patrimonio da Humanidade. Tamén se rexistrou un incremento histórico do 25% no número de pasaxeiros en cruceiros, mentres que o turismo MICE, de congresos e feiras, aumentou un 17%, cunha asistencia que supera as 150.000 persoas.

En canto aos eventos culturais, no 2024 superáronse os 2 millóns de persoas asistentes a eventos e instalacións culturais e científicas municipais, como o Coliseum, os Museos Científicos, as Festas de María Pita ou o Festival Noroeste Estrella Galicia. A alcaldesa quixo destacar o impulso dado ao sector cinematográfico, con múltiples eventos celebrados na cidade nos últimos 12 meses, como os Premios Mestre Mateo, S8, Norte Cinema Diverso, Intersección ou Semana do Cinema Galego.

Fomento da conexión ferroviaria coa cidade

Por outra banda, o Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, acordaron xunto a Renfe renovar a colaboración na promoción da cidade e promocionar o tren como medio de transporte. Renfe aplicará un desconto do 10% nos billetes ás persoas que asistan a eventos e congresos organizados polo Consorcio de Turismo. Ademais, promocionarase A Coruña como destino turístico a través de diferentes canles de comunicación comercial de Renfe. A alcaldesa, Inés Rey, asinou o acordo xunto con Raül Blanco, presidente de Renfe.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%