Listeners:
Top listeners:
 play_arrow
		play_arrow
		Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 octubre, 2025
 
		A Coruña, 31 de outubro de 2025. O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o convenio co Concello de Santiago para o financiamento das obras de rehabilitación do estadio municipal Verónica Boquete de San Lázaro, en Santiago de Compostela.
As obras suporán un investimento de 1.292.790 euros, dos que 850.000 (o 65,7%) serán achegados pola institución provincial.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o proxecto dá cumprimento ao compromiso adquirido coa cidade e co seu club de fútbol. “Ao igual que fixemos en Riazor na Coruña e na Malata en Ferrol, a Deputación colaborará no financiamento das obras de mellora do estadio compostelán, unha infraestrutura de referencia para o deporte galego que precisa actualización e mantemento”, sinalou o presidente.
O proxecto das obras para o estadio compostelán recolle a aplicación das medidas correctoras do estudo integral de patoloxías do estadio, que ten unha capacidade para 13.000 espectadores e conta cun aparcadoiro para 2.000 vehículos.
As actuacións previstas inclúen a reparación integral das fachadas, cubertas e soportais, así como diversas melloras interiores. En concreto, o plan contempla a limpeza, pintado e selado de xuntas nas fachadas con revestimentos elásticos e masillas especiais, e a substitución da carpintería de muro cortina na Porta 1.
Na cuberta prevese a reparación de todas as xuntas entre placas e a aplicación dun novo sistema impermeabilizante de poliuretano con acabado antiescorregadizo, ademais da reposición dos paneis de policarbonato que separan distintos tramos por módulos novos e máis resistentes. Tamén se repararán e pintarán as pilastras e soportais con pintura anticarbonatación para protexer o formigón, e acometeranse melloras interiores como o pintado das particións e falsos teitos da zona de presidencia e a substitución do falso teito e paneis decorativos da cafetería.
O proxecto prevé un prazo total de execución de catro meses, divididos en catro sectores de obra que abranguen a totalidade do perímetro do estadio. Cada sector comprenderá un mes de traballo, coordinado para minimizar o impacto sobre a actividade deportiva e o tráfico da zona.
Actividades dos centros socioculturais
O pleno deu tamén luz verde a outros dous convenios co Concello de Santiago para o financiamento das actividades do centro sociocultural do Ensanche (140.000 euros) e dos centros socioculturais do rural compostelán (A Gracia, A Peregrina, A Barciela, Aríns, Bando, Busto, César, Enfesta, Figueiras, Grixoa, Lamascal, Laraño, Lavacolla, Marantes, Marrozos, Nemenzo, Santa Cristina de Fecha, San Xulián de Carballal, Verdía e Villestro), con 75.000 euros.
As actividades programadas co apoio económico da Deputación nestes centros van dirixidas tanto ao público adulto como ao infantil, facendo especial fincapé nos maiores, dado o envellecemnto da poboación rural.
Entre ellas destacan os cursos para aprender a manexar ferramentas dixitais (móbil, tablet, ordenador, correo electrónico, videochamadas…), aínda que tamén hai obradoiro para os máis pequenos e actividades físicas (baile, ximnasia) e de entreamento cognitivo para os maiores.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)