Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 enero, 2026
A Deputación de Pontevedra confirma que o 2025 foi un ano de récord no sector turístico, cun crecemento do turismo internacional do 10% que revalida que a firme aposta do organismo provincial por espallar o destino polo mundo está a dar os seus froitos. En liñas globais, no ano no que a Deputación apostou por poñer o foco no interior coa campaña Cando volves?, a provincia recibiu preto de 1,8 millóns de visitantes e, deles, preto de 627.000 foron estranxeiros.
Os datos rexistrados no 2025 manifestan o crecemento que está a experimentar o destino Rías Baixas nos últimos anos. Se no 2022 foron 1,5 millóns de visitantes os que se achegaron ata a provincia de Pontevedra, no 2023 ascenderon aos 1,6 millóns e no 2024 superaron a cifra de 1,7 millóns de visitantes, dos que 573.000 foron estranxeiros. Unha tendencia crecente que se mantivo tamén o pasado ano, cos 1,8 millóns de persoas que visitaron Rías Baixas no 2025.
No que respecta ao mes de decembro, a provincia recibiu ao 38% dos visitantes que acudiron a Galicia, sendo o 68% turistas nacionais e o 32% estranxeiros. E, no que levamos de mes de xaneiro, preto de 300 persoas se achegaron á sede de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza, Pontevedra, das que o 70% eran españolas (Madrid, principalmente) e o 30% estranxeiras (Estados Unidos, Alemaña e Portugal). Entre os motivos para visitar Rías Baixas os turistas subliñaron a oferta de ocio e cultural da provincia de Pontevedra.
En canto ao Camiño de Santiago, este mes de xaneiro percorreron algunha das vías que atravesan a provincia de Pontevedra 900 peregrinos. O número máis numeroso segue a rexistrarse no Camiño Portugués, seguido do Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata e o Camiño do Inverno. Neste caso, máis do 78% das persoas que percorren o Camiño son visitantes internacionais, procedentes de Estados Unidos, Italia e Portugal.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)