Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 febrero, 2026
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, realizou en Radio Líder Santiago un amplo repaso á actualidade municipal, nunha entrevista marcada polo balance positivo do Nadal, a defensa da presenza do Concello en FITUR, os avances en materia de investimentos e a súa aposta por un modelo de xestión próximo á cidadanía.
No tocante ás últimas borrascas, Arca explicou que a situación está “baixo control”, malia as dificultades derivadas das intensas choivas. “Houbo algunhas vivendas afectadas e cortes puntuais nas zonas habituais, pero afortunadamente o río desborda pouco a pouco e non supón un risco grave para as persoas”, sinalou, recoñecendo tamén o impacto anímico dunha meteoroloxía adversa prolongada: “Non somos peixes nin anfibios, a xente está algo máis decaída”.
O rexedor fixo un balance moi satisfactorio do Nadal en Padrón, destacando dúas novidades clave: a pista de xeo cuberta e a posta en marcha dos bonos comercio. “A pista funcionou realmente ben, sobre todo tendo en conta o mal tempo, porque ofrecía unha alternativa de interior”, explicou.
Especial relevancia tivo o impacto dos bonos Padrón, cun investimento municipal de 20.000 euros. “Empregáronse 1.864 bonos e xeraron un consumo de máis de 72.500 euros, máis que triplicando o investimento inicial”, destacou Arca, quen avanzou que esta iniciativa “veu para quedar”, aínda que non descarta adaptala a outras épocas do ano para beneficiar máis ao pequeno comercio.
Fronte ás críticas á presenza de concellos en FITUR, o alcalde defendeu con firmeza a utilidade da feira. “É un espazo óptimo para amosar que Padrón é moito máis ca tradición: é cultura, gastronomía, industria e tamén deporte”, afirmou.
Neste senso, subliñou a aposta por presentar Padrón como capital galega do ciclismo, coa celebración de eventos de primeiro nivel. “Temos un club ciclista con 70 anos de historia, unha Clásica de Pascua que ascende a categoría internacional e imos acoller etapas de probas como O Gran Camiño ou A Volta Feminina”, enumerou. “O deporte é unha ferramenta de promoción económica e turística incuestionable”.
Ademais, Padrón foi recoñecido como Pobo Máxico de Galicia e o Santiaguiño como Lugar Máxico de España, uns premios que, segundo Arca, “son froito dun traballo continuado e dan resultados claros na nosa proxección turística”.
Entre os proxectos máis relevantes, o alcalde confirmou avances decisivos na escola infantil municipal. “A obra xa foi licitada e está a piques de adxudicarse. Será unha escola infantil digna do ano 2026”, asegurou, destacando ademais que unha das empresas da UTE adxudicataria é padronesa.
Arca puxo o acento na importancia do mantemento fronte a grandes anuncios. “Non só se trata de facer cousas novas, senón de manter o que temos”, explicou, detallando investimentos en saneamento, viario, parques infantís, espazos deportivos e actuacións ambientais como o parque da antiga Azucreira, que incorporará a memoria histórica do lugar.
Sobre o mercado dominical, recoñeceu deficiencias e fixo un chamamento á responsabilidade colectiva. “Non se pode emporcar o lugar onde se traballa. Coidar o entorno é tamén responsabilidade de quen vive del”, advertiu, apostando polo sentido común antes que polo endurecemento das sancións.
Na parte final da entrevista, Anxo Arca reivindicou un modelo de alcaldía aberta. “Atendo á veciñanza todos os días, con cita ou sen ela, sempre que estou no Concello”, asegurou, insistindo na importancia de que as incidencias se comuniquen polos canais oficiais. “Se non nos din onde está o problema, dificilmente podemos actuar”, explicou, facendo un chamamento a combinar a expresión en redes sociais coa comunicación directa coa administración.
“O contacto coa xente é fundamental. Somos un concello cunhas dimensións que aínda o permiten e iso é unha riqueza que hai que coidar”, concluíu o alcalde, avanzando un ano intenso marcado polo Entroido, a Pascua e a execución de proxectos clave para o futuro de Padrón.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)