AD

Actualidad

A Festa da Uña de San Lázaro celebrarase do 20 ao 23 de marzo

today9 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o presidente da asociación gastronómica e cultural Orde da Uña, Fernando Neira, e o xerente do Centro Comercial As Cancelas, Javier Nicolás Blanco, presentaron o programa da Festa da Uña, unha celebración con gran tradición en Compostela, que é ademais unha das festas gastronómicas máis antigas do país, e coa que colabora Turismo de Santiago grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

Míriam Louzao destacou que a Festa da Uña é unha das festas máis senlleiras de Compostela, que cada ano vai consolidando novidades que fan que a festa sexa atractiva non só para as persoas do barrio e do conxunto do concello (, senón tamén para toda a contorna e os turistas que queiran coñecer a esencia dun dos barrios máis singulares de Compostela.

Este ano consolídase a inauguración da Festa cunha degustación de Uñas no Centro Comercial As Cancelas. Nesta ocasión incluirá música ao vivo e un pregón a cargo dos fundadores da Asociación “Orde da Uña”, representados por José Luis Míguez. Esta degustación terá lugar a partires das 20.00 horas do venres 20 de marzo.

Ademais, este ano a SD Compostela agasallará cunha entrada ás persoas que consuman Uñas de San Lázaro para o partido SD Compostela vs Racing Villalbés, que terá lugar no Estadio Vero Boquete o domingo 22 de marzo.

Este ano son 27, dous máis que o ano pasado, os restaurantes, do barrio de San Lázaro pero tamén doutros barrios, que ofrecerán durante estes días as súas versións do tradicional prato das Uñas, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo. Os locais que ofrecen as uñas, así como o programa completo da Festa, incluíndo a tradicional poxa de uñas, poden consultarse na páxina web de Turismo de Santiago www.santiagoturismo.gal.

A Asociación Orde da Uña dedica a Festa deste ano á memoria dos veciños do barrio Evaristo Carracedo, Ramón Carril, José Luis Míguez, Manuel Moure e Pepe Puente, fundadores da “Orde da Uña”, asociación que organiza as actividades festivas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *