Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 febrero, 2025
A programación da Festa do Queixo 2025 xa é oficial. Nesta edición tan especial, na que se celebra o seu 50.º aniversario, a veciñanza de Arzúa terá un papel protagonista.
O domingo estará dedicado a O Son de Arzúa, un espectáculo único que reúne tres agrupacións emblemáticas do municipio: O Bringuelo, a Banda de Música de Arzúa e a Rondalla Moraima, creando unha viaxe sonora que homenaxea a identidade cultural e musical da comarca. Ademais, este ano a identidade gráfica da Festa do Queixo foi encargada ao deseñador Dani Camino, e a comunicación do evento está a cargo de Olalla Dopico, reforzando así o papel da creatividade local na celebración.
A pregoeira do 50.º aniversario será a chef Lucía Freitas. A chef conta con Estrela Michelin, 2 Soles Repsol e premio Sol Sostible 2024, tamén é unha das grandes embaixadoras da gastronomía galega. Á fronte dos seus restaurantes A Tafona e Lume, combina vangarda e tradición cunha aposta firme polos produtos locais e o talento feminino no sector. Ademais de ser unha cociñeira de referencia, é investigadora, activista e impulsora de Amas da Terra, un proxecto que visibiliza o papel das mulleres na gastronomía. Como broche de ouro, ofrecerá un showcooking gratuíto ata completar aforo.
Nesta edición, a Festa do Queixo acadou un récord histórico de participación de queixerías, con máis de 80 inscricións, o que supón un incremento notable respecto a anos anteriores. Debido a esta elevada demanda, por primeira vez na historia do evento houbo solicitudes que quedaron fóra. Para dar cabida a esta gran acollida, ampliouse o espazo expositivo no recinto feiral, habilitando por primeira vez o primeiro andar do multiusos para produtos non queixeiros, consolidando así a importancia e proxección desta feira gastronómica.
Outra das novidades deste ano é a creación dun espazo de artesanía nas rúas cercanas ao recinto, que dará visibilidade ao traballo de creadoras e creadores, así como a participación de diversas asociacións da zona, que terán espazo para expoñer os seus produtos e iniciativas.
Pensando nas familias e nos máis pequenos e pequenas, creouse un espazo conciliador para que nais, pais e coidadores poidan desfrutar da festa con comodidade. Ademais, haberá actividades específicas para a infancia, garantindo que os cativos tamén gocen dunha programación adaptada para eles.
A animación de rúa será outro dos pratos fortes desta edición, cunha proposta deseñada para que tanto maiores como pequenos poidan participar e vivir a festa dun xeito especial. Do mesmo xeito, os concertos do domingo serán unha oportunidade para que todo o público poida desfrutar da música nun ambiente festivo e inclusivo.
O tecido empresarial de Arzúa tamén xoga un papel fundamental nesta edición, colaborando activamente para dar maior proxección ao evento e contribuíndo á súa expansión e impacto. A implicación do comercio e das empresas locais reforza o carácter comunitario da Festa do Queixo, asegurando que a celebración siga a medrar e consolidarse como un referente cultural e gastronómico.
Unha das grandes apostas deste 50.º aniversario é que todos os concertos serán de balde e en recinto aberto, permitindo que a música chegue a todas as persoas sen barreiras. A maior parte do cartel está composto por artistas galegos e/ou que interpretan en galego, reforzando o compromiso co talento e a música do país. Os concertos comezarán ás 20:30, facilitando que as familias e as persoas maiores tamén poidan achegarse á zona de concertos e vivir a festa de preto. Tamén, no recinto dos concertos, haberá un punto violeta onde se poderá pedir información e axuda ante calquera agresión sexista.
Por último, co motivo da 50.ª edición e deste aniversario tan especial, presentouse un spot no que se eloxía aos veciños e veciñas de Arzúa, pero sobre todo ás queixeiras e queixeiros e a todo sector agrogandeiro que fan posible que o queixo de Arzúa teña fama fora das nosas fronteira.
O alcalde, Xesús Carril, a Concelleira de Igualdade, Lucía López, e o Concelleiro de Xuventude, Dani Moscoso, fixeron fincapé nas súas intervencións de que “esta edición foi pensada para que os veciños e veciñas de Arzúa poidan desfrutar da súa festa, pero tamén para que os e as visitantes formen parte dela”.
Con todas estas novidades, a Festa do Queixo 2025 preséntase como unha celebración pensada para todos, reforzando a súa esencia cultural e musical, e apostando polo talento galego, a artesanía e a inclusión de toda a comunidade na súa programación. Nos próximos días anunciaranse máis detalles desta edición histórica.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)